O Porto de Vigo recibe a visita duns 4.500 turistas nunha dobre escala de cruceiros

Intercambio de metopas
O Porto de Vigo recibiu hoxe a visita de preto de 4.500 turistas a bordo do Artania e o Eurodam. O primeiro en atracar no Peirao de Transatlánticos foi o Artania, en escala inaugural na cidade. Procedente de Lisboa, chegou á cidade ás 08.00 horas, onde permaneceu ata as 17.00 horas, momento no que puxo rumbo a Cobh (Irlanda). Durante a súa estancia en Vigo, trouxo a bordo máis de 1.500 persoas, entre pasaxeiros e tripulantes, na súa maioría alemáns. Pola súa banda, o Eurodam, fixo a súa chegada ás 10.00 horas, con máis de 2.900 persoas a bordo, na súa maioría americanos, australianos, rusos e canadenses. Procedente de Lisboa, permanecerá en Vigo durante oito horas. Puxo rumbo a Portland (Gran Bretaña) ás 18.00 horas.
Escala inaugural
Con motivo da escala inaugural en Vigo do Artania, o Presidente da Autoridade Portuaria, Ignacio López-Chaves, participou no tradicional intercambio de metopas co Capitán do buque, onde mostrou a súa satisfacción por esta dobre escala. Segundo asegurou, durante o mes de maio pasarán polo Porto de Vigo preto de 32.500 persoas, nun total de 14 escalas previstas ata o momento. A primeira delas tivo lugar onte domingo da man do Thomson Spirit. Tras a dobre escala de hoxe, os peiraos vigueses volverán protagonizar mañá outra dobre escala, nesta ocasión de dous MSC, o MSC Orchestra e o MSC Poesia. Pechará a semana a Costa Classica, cuxa escala está prevista o venres. O resto do mes pasarán por Vigo outros oito cruceiros máis: o MSC Opera, a Costa Neorromántica, a Costa Fortuna, a Costa Luminosa, o Louis Aura, que compartirá peirao co Sea Cloud II, o Costa Mediterranea e o FTI Berlin.
Líder en pasaxeiros
En total, o Porto de Vigo espera a visita ao longo deste ano de, aproximadamente, 250.000 persoas nun total de 80 escalas de cruceiro previstas. López-Chaves destacou o “incremento” do tráfico de pasaxeiros respecto ao pasado exercicio, polo que Vigo manterá, un ano máis, a súa condición de líder de todo o norte e noroeste peninsular en canto a número de pasaxeiros. Entre os fitos máis destacados, López-Chaves apuntou que o Porto olívico contará este ano con ata seis escalas dobres, dúas escalas triples e unha escala cuádruple de grandes cruceiros. Esta última, prevista para o 11 de setembro, estará protagonizarán por catro buques italianos, dous MSC (Opera e Orchestra) e dúas Costa Cruceiros (Luminosa e Mediterránea), que deixarán na cidade nun só día a máis de 12.200 persoas. En total, a suma das súas esloras superará o quilómetro de lonxitude e alcanzará os 330.000 GT. Pero, sen dúbida, a escala máis esperada será a do cruceiro máis grande do mundo, o Oasis of the Seas, que visitará o Porto de Vigo ata en dúas ocasións ao longo deste ano, na que será a súa primeira visita a Europa. A primeira escala deste coloso do mar terá lugar o 27 de setembro. Durante a súa estancia na cidade coincidirá co Celebrity Infinity, o que suporá 11.500 visitantes nun só día. A segunda, será o 18 de outubro, momento no que un só buque deixará na cidade un total de 8.300 persoas, o que dá boa mostra da capacidade dos barcos que recalan en Vigo. Así mesmo, ao longo deste ano Vigo volverá ser porto basee de cruceiros da man de MSC cun total de dez escalas previstas de embarque e desembarque a bordo do MSC Opera.
Datos do buque
Con 231 metros eslora e 32 de manga, o Artania foi construído en 1.984 pola empresa inglesa Princess Cruises e bautizado como The Pacific Princess. Actualmente, pertence á Phoenix Reisen, compañía especializada no mercado alemán e cuxa flota está formada por tres barcos: o Artania, o Albatros e o Amadea (estes dous últimos xa estiveron en Vigo). Coñecido por ser a escenografía da famosa serie de televisión estadounidense “O cruceiro do amor”, o Artemis -hoxe Artania- foi amadrinado pola falecida Princesa de Gales.
O buque está especialmente orientado ao mercado alemán, por iso é polo que a maior parte dos seus pasaxeiros son desta nacionalidade (algo máis dun milleiro).
Construído nos estaleiros Wartsila de Finlandia, o deseño do Artania marcaba a pauta a seguir na construción naval e o inicio do cruceiro moderno. Tras 27 anos en mans inglesas, primeiro en Princess Cruises e despois na compañía matriz, a P&O, o buque pasou a formar parte da flota Phoenix Reisen, a naviera con sede na cidade alemá de Bonn, converténdose no seu buque insignia.











