O Porto de Vigo foi escenario dun simulacro de emerxencia de saúde pública e control de fronteiras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSucesosVigo
A-
A+
Simulacro no Porto de Vigo

Simulacro no Porto de Vigo

O Porto de Vigo acolleu con éxito esta mañá un simulacro de emerxencia de saúde pública e control de fronteiras nun buque de pasaxeiros.

O obxectivo principal do exercicio é o de desenvolver, actualizar e implementar os procedementos de actuación conxuntos e fomentar a cooperación entre os distintos organismos e entidades implicados na resposta a emerxencias de saúde pública.

O exercicio, que estivo baixo a supervisión da Delegación do Goberno e Sanidade Exterior, contou coa participación dun gran número de organismos involucrados, entre eles, a Dirección Xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación, a Autoridade Portuaria de Vigo, a Dirección Xeral de Seguridade e Emerxencias, a Armada Española (buque “Contramaestre Casado” e Comandancia Naval de Vigo), Xunta de Galicia, Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, Cruz Vermella, Protección Civil, Salvamento Marítimo, Capitanía Marítima, 061, 112 e bombeiros.

Segundo lembrou a Secretaria Xeral de Sanidade do Goberno de España, Pilar Farjas, o Consello de Ministros elixiu o pasado 7 de marzo a terminal olívica como porto de referencia con capacidade de atención a emerxencias de saúde pública de importancia internacional, xunto a Barcelona, Valencia, Bilbao e Málaga.

Así, destacou a “capacidade operativa” de resposta dos diferentes organismos involucrados no exercicio, á vez que felicitou a “dispoñibilidade” da Autoridade Portuaria de Vigo e da Delegación do Goberno en Galicia na posta en marcha deste exercicio.

Pola súa banda, o Delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, destacou o feito de que Vigo sexa elixido para realizar este exercicio, “o primeiro destas características dos que se realizan en España” e que “pon a proba a capacidade de coordinación das distintas Administracións”. Neste sentido, afirmou que estes exercicios son “fundamentais” para ser eficaces e garantir a coordinación de todos os organismos involucrados no caso de ter que afrontalos nun momento de risco real.

Por último, o Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, agradeceu ao Goberno de España que elixa o Porto de Vigo como porto de referencia de emerxencias a nivel internacional ante o que valorou de “diferenza de trato” respecto ao Goberno anterior.

21 de maio de 2014 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.