O pleno de Ourense aproba unha investigación sobre as beirarrúas da rúa do alcalde
O pleno municipal de Ourense celebrado este venres aprobou a creación dunha comisión de investigación para aclarar a “presunta comisión dos delitos de suplantación de identidade e falsidade en documento público” no expediente das obras de instalación de beirarrúas e farois na rúa na que vive o alcalde, a pesar de que a iniciativa contou coa oposición do goberno local, que sostivo que non a iniciará.
O pleno municipal debateu como sétimo punto a moción presentada polo PP local para crear esa comisión de investigación, que finalmente foi aprobada cos 11 votos do PP e dous de Democracia Ourensana, mentres os 11 do PSOE foron en contra e os tres edís do BNG se abstiveron.
A voceiro do PSOE, Áurea Soto, sinalou que, no pleno extraordinario xa celebrado a petición do PP e centrado nas obras da rúa na que vive o alcalde, “quedou claro que se trata dunha vía pública e que o alcalde foi tratado como o resto dos veciños na tramitación do seu aval”.
Así mesmo, recordou que toda a documentación está na Fiscalía de Ourense, presentada polo propio PP “para montar o show” e criticou que o voceiro Rosendo Fernández propoña agora unha comisión de investigación “para seguir o show”. “Non imos paralizar o servizo de Urbanismo, pois esa é a súa intención, coa revisión agora dos criterios cos que se urbanizaron as rúas de Ourense nos últimos 30 anos”, sentenciou.
REABRIR UN EXPEDIENTE
Aurea Soto acusou o PP de reabrir un expediente que estaba pechado dende hai 4 anos e reprochou ao voceiro que non fixese nada ao respecto ” e agora, así de súpeto, fai todo isto en 4 días”. Ao mesmo tempo, explicou que o PSOE é contrario á comisión de investigación “porque todo está na Fiscalía e xa hai bastante traballo para arranxar o que deixaron vostedes en urbanismo cando estaban á fronte do Goberno”.
Os dous votos de DO secundaron a petición da comisión de investigación do PP, mentres que o BNG criticou que se trata dun tema no que o PP “mordeu e seguirá mordendo con vitoria evidente para ese partido e derrota para o PSOE”. “Pero non somos policías nin xuíces para crear unha comisión para investigar a comisión dun delito, segundo propoñen”, detallou o voceiro, Xosé Somoza.
No inicio do pleno, o PP votou a favor, pero criticou, a conformación do novo Tribunal Económico Administrativo para o que se trae “a un funcionario de fóra”, en alusión a un funcionario de Facenda de Pontevedra, e preguntou ao alcalde se non hai “profesionais exelentes””nesta casa”, en referencia ao Concello de Ourense.
TURISMO “FEITO UNS RAPOSOS”
A edila socialista Mónica Vázquez defendeu este venres o voto favorable do PSOE á proposta do PP para crear un consello Municipal de Turismo e defendeu tamén a moción conxunta de PSOE e BNG contra a reforma da Xustiza proposta polo ministro Alberto Ruiz Gallardón.
Sobre a creación do consello Municipal de Turismo, tras a disolución da empresa mixta que xestionaba a área, Vázquez garantiu o seu voto a favor, aínda que criticou a “herdanza” deixada polo PP nesa área, que quedou “feita uns raposos”, e a política de recortes do presidente do Goberno Mariano Rajoy, que “non deixa facer nada”, en alusión á denuncia presentada polo PP tras a contratación de dous técnicos da empresa disolta por non se axustar á Lei de sostenibilidade presupostaria.
O PP reclamou a reestruturación do persoal municipal para poder atender ao público nas instalacións turísticas municipais e nas oficinas de turismo e o alcalde respondeu que, entre os 834 funcionarios, non hai técnicos en xestión turística, “e os que había quixéronse facer interinos e o PP encargouse de denuncialos”.
Agustín Fernández comprometeuse, a pesar da crítica ao PP, a facer un “esforzo” para mellorar a atención aos visitantes durante os días de incremento do turismo e reforzar a concellaría da que é titular Mónica Vázquez.
En todo o pleno, só foi unánime a decisión de instalar máis desfibrilador nas instalacións municipais, proposto polo PP. A moción crítica coa reforma da Xustiza contou finalmente cos votos a favor de PSOE e BNG e o resto abstívose.











