O pleno de Oroso aproba a desafectación como dominio público de 6 escolas
O pleno municipal de Oroso celebrado na tarde de onte xoves aprobou por unanimidade o cambio da cualificación xurídica de seis escolas das parroquias do municipio que xa levan tempo sen desenvolver ningún tipo de servizo público. Trátase das escolas de Campo de Pasarelos, Horta de Arriba (Cachopal, Carollo, escola e local social de Gándara e de Marzoa, así como a escola de nenos e nenas de Vilarromarís.
A decisión plenaria supón a desafectación do domino público destes inmobles, que xa non acollían servizo público ningún, e a súa cualificación como bens patrimoniais. Un cambio que conta coa autorización previa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
O pleno tamén aprobou por unanimidade o convenio de colaboración marco para a xestión compartida da promoción turística conxunta dos concellos da área de Santiago. Así mesmo, tamén saíu adiante a aprobación inicial da modificación da Ordenanza Fiscal reguladora do prezo público pola utilización da escola infantil do Concello de Oroso, “prezos públicos que non establece o Concello de Oroso senón a Xunta de Galicia”, remarcou o concelleiro de Ensino, Antonio Leira. A proposta foi aprobada cos votos a favor de PSOE, PP e BNG; e co voto en contra do Partido Galeguista, quen defendeu a gratuidade en todas as fases do ensino.
Libros de texto
Precisamente sobre ensino tratou a única moción aprobada nesta sesión plenaria, presentada polo BNG e que insta á Xunta de Galicia “á volta ao sistema de préstamo universal, a que se afiance o sistema de gratuidade e que non cambien os libros de texto o próximo curso”, segundo explicou o seu voceiro, Xosé Manuel Pérez. O voceiro do PP, Telmo Rodríguez, propuxo unha emenda na que se o Concello de Oroso expresase o seu apoio ao programa de gratuidade solidaria da Xunta de Galicia, emenda que non foi aceptada polo BNG.
Pola súa banda, o concelleiro de Ensino, Antonio Leira, apoiou a moción aínda que lembrou que “é un pouco repetida, pois en maio de 201 e en maio de 2013 xa se aprobaron mocións moi semellantes”. A moción saíu adiante co apoio dos 9 concelleiros de PSOE, BNG e PG; e cos 3 votos en contra do PP. A outra moción do BNG, sobre o incremento das taxas na AP-9, decaeu no debate sobre a urxencia e a terceira moción nacionalista foi retirada, xa que fora presentada por erro (xa que fora aprobada na sesión anterior).











