O pleno de Lousame aproba unha modificación de créditos de 81.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

O pleno municipal de Lousame celebrou na noite de onte xoves a súa sesión ordinaria na que se aprobou un expediente de modificación de crédito por importe de 81.000 euros. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explicou que esta modificación débese principalmente ao cambio das asistencias, contempladas no Capítulo 1 dos Orzamentos Municipais e que de acordo cos novos programas contables deben figurar no Capítulo II. Así mesmo, contémplanse novas partidas para o abono de distintos traballos como a traída de augas en Fontefría, a compactación do campo de fútbol de céspede artificial da Silva ou do novo acceso ao centro de día.

“Fixemos unha rampa para poder acceder ao centro de día tanto dende o Centro de Saúde como dende o Concello”, explicou Teresa Villaverde, quen adiantou que “no futuro poremos tamén algún punto de luz nesta zona”. A modificación foi aprobada cos 6 votos a favor do Grupo de Goberno e as 3 abstencións dos grupos da oposición.

Así mesmo, a alcaldesa de Lousame deu conta dos datos do padrón que, a falta da súa consolidación definitiva, reflicten un total de 3.869 habitantes (1.905 homes e 1.964 mulleres), e entregou aos grupos da oposición o informe sobre a execución do orzamento correspondente ao primeiro trimestre de 2014. Villaverde tan só explicou que “cumprimos co principio de estabilidade orzamentaria e coa regra de gasto” e convidou aos grupos da oposición a estudar o informe e resolver as súas dúbidas na próxima sesión plenaria.

Rogos e preguntas

A única moción presentada no pleno, sobre os dereitos sexuais das mulleres en Europa, decaeu ao non ser aprobada a súa urxencia, debido a que o tema xa fora debatido na sesión anterior. Finalmente, na quenda de preguntas, a alcaldesa de Lousame respostou a dúas preguntas sobre marquesinas en Gandarela e en Lesende. Teresa Villaverde explicou que a rotura da marquesina de Gandarela debeuse a un vehículo do rallie e que se puxo en coñecemento dos responsables da carreira para que o seu seguro se faga de cargo do arranxo. No caso da marquesina de Lesende, a alcaldesa explicou que están buscando unha nova ubicación para esta marquesinas. “En todo caso, antes do inicio do curso escolar estarán feitas”, concluíu Villaverde

16 de maio de 2014 | 19:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.