O Pazo de Mariñán acolle o VI encontro coas artes “Espíritu de Mariñán”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Máis de trinta integrantes da Asociación de Artistas Plásticos Galegos participarán dende o venres e ata o domingo, na sexta edición do Encontro coas Artes “Espíritu de Mariñán”.

Durante as xornadas de traballo, os artistas realizarán diversas obras tanto pictóricas como escultóricas, e doarán algunhas delas co fin de que pasen a formar parte do patrimonio da Deputación.

Segundo o programa do encontro, e tal e como se fixo en anos anteriores, as xornadas do sábado e do domingo serán de portas abertas para o público xeral. O horario é de dez a unha os dous días, e tamén entre as cinco e as sete da tarde o sábado.

Membros da directiva de ARGA acudiron esta mañá á sede da institución provincial co obxectivo de ultimar os detalles do encontro e de facer efectiva a doazón das obras realizadas durante o último encontro e que pasan a formar parte desde hoxe do patrimonio artístico da Deputación.

Na reunión, á que asistiron o presidente da Deputación, Diego Calvo, e a vicepresidenta Mariel Padín, estiveron presentes Carlos Pereira Martínez, presidente de ARGA; Javier Garaizábal, vicepresidente; e Celestino Poza, secretario da entidade. Acudiron tamén o ex presidente da entidade, Pedro Bueno, e os autores dos cadros doados, tres acuarelas obra de Francis Marrouch, Manuel Gandullo e Javier Camarero.    

Todos eles coincidiron en salientar o “grande ambiente de traballo” que se dá nos encontros de Mariñán e afirmaron que “resultan tremendamente enriquecedoras estas xornadas porque nos permiten, ademais do traballo pictórico en si, un contacto humano entre nós que doutro xeito resultaríanos moi difícil”. O presidente da entidade, Javier Garaizabal, agradeceu por tanto o apoio da Deputación ao “manter vivos estes encontros”.

28 de maio de 2014 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.