O Parque Nacional das Illas Atlánticas acollerá unha xornada sobre ´Arquitectura Verde´

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVigo
A-
A+
Bravo Bosh na presentación das xornadas

Bravo Bosh na presentación das xornadas

A sede do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, o edificio Cambón, acollerá a finais do mes de xuño, concretamente entre os días 24 e 27, a xornada ´Arquitectura Verde: construíndo con responsabilidade. Creación de empresas para emprendedores da arquitectura verde´.

Organizada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), trátase dunha acción formativa presencial de 20 horas de duración que pretende aportar as pautas, ferramentas e coñecementos necesarios co fin de crear empresas dirixidas por emprendedores da arquitectura verde. O prazo de inscrición xa está aberto para as 40 prazas para esta actividade que é gratuíta.

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, participou esta mañá na presentación da xornada xunto ao presidente da sede viguesa do COAG, Antonio Davila, onde aplaudiu a iniciativa ao tempo que destacou a “importancia” que ten o programa, que busca impulsar o potencial de temas ambientais e de sustentabilidade co fin de xerar postos de traballo e crear e consolidar empresas verdes.

Deste xeito, Bravo Bosch animou aos profesionais do sector da arquitectura e da construción a participar nesta actividade xa que, segundo recalcou, o proxecto ´Arquitectura Verde´ “trata de ofrecer novos camiños” á construción e á edificación de novas vivendas que diminúan os impactos negativos desta actividade ademais de potenciar e promocionar novos sectores favorables ao medio ambiente.

Pola súa banda, o presidente da delegación viguesa do COAG cualificou a xornada de “moi interesante” ao considerar que se potencia a arquitectura verde e se ofrecen novos nichos de mercado. “Pretendemos dar novas oportunidades aos emprendedores”, dixo.

O proxecto ´Arquitectura Verde´ está financiado polo Fondo Social Europeo (FSE) a través da Fundación Biodiversidade dentro do programa “Emprega verde”. O público ao que van dirixidas as diferentes accións do proxecto son os profesionais da arquitectura, integrando tanto a arquitectos superiores coma a aparelladores ou colectivos profesionais relacionados co sector da construción.

29 de maio de 2014 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.