O parque de Montealegre de Ourense acollerá tres actividades que porán en valor a riqueza de especies da zona

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Co obxectivo de sensibilizar á poboación sobre as especies de árbores, plantas e aves propias de Montealegre, á vez que se dinamiza o parque con actividades, a Concellería de Medio Ambiente organizará tres propostas gratuítas e abertas ao público en xeral, en especial a persoas interesadas no entorno natural e a riqueza das especies.

As actividades son as seguintes: “Aprende a identificar as árbores do teu bosque en galego”, este sábado día 17 de maio, Día das Letras Galegas, ás 18 h; “As estratexias das plantas”, o xoves día 22 ás 18 h; e “Aprende a coñecer os paxaros. Introdución á identificación das aves polos seus cantos e reclamos”, o sábado 24 ás 18 h.

Aprende a identificar as árbores do teu bosque en galego

Os participantes nesta actividade aprenderán a empregar unha clave dicotómica de identificación de especies de flora, en galego. Así, entre os obxectivos da actividade atópanse coñecer a flora máis representativa da zona, identificar a flora autóctona da foránea, empregar o galego como idioma científico e aumentar a riqueza de vocabulario de árbores, arbustos e plantas. A actividade será impartida por Xosé Méndez Álvarez, doutor en Botánica.

As estratexias das plantas

As plantas, como calquer ser vivo, tenden a desenvolver as mellores estratexias que garantan a súa reprodución, distribución e colonización de novas zonas. Esta adaptación ao medio e aos seus cambios provoca a aparición de diferentes elementos na fisionomía vexetal, que buscan obter unha vantaxe con respecto a outras especies vexetais. Estas variacións aumentan a nosa diversidade biolóxica, e convértense en auténticos tesouros que todos deberíamos coñecer e respectar.

Así, o Concello fomentará entre os participantes nesta actividade o respecto cara o medio ambiente e a flora en xeral, aprenderán as estratexias evolutivas de diferentes especies, e comprobarán as grandes divisións no reino dos vexetais. Nunha primeira parte da actividade, os participantes recibirán unha charla sobre estratexias evolutivas, e posteriormente realizarán un percorrido polo interior do parque. Tanto a clase teórica como práctica será impartida por Xosé Méndez Álvarez, doutor en Botánica.

Aprende a coñecer os paxaros, introdución á identificación das aves polos seus cantos e reclamos

A actividade programada para o 24 de maio, Día Internacional das Aves, consiste en amosar un modo de identificación de aves no medio natural, como é partir dos seus cantos e reclamos. Coa actividade preténdese iniciar ou perfeccionar a identificación de diferentes especies de aves sen ter contacto visual directo, simplemente agudizando o noso oído. Ensinarase o papel das aves no medio ambiente, e amosarase o xeito de recoñecer as aves, á vez que se fomentará o respecto cara as diferentes especies de fauna.

A partir das 18 h, os participantes percorrerán o parque para identificar as especies, os seus cantos e reclamos máis comúns. O número de participantes está limitado a 25, e será impartida por un especialista en aves pertencente á Sociedade Galega de Ornitoloxía.

13 de maio de 2014 | 11:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.