O obradoiro “Ruta Termal” de Ourense formou e ofreceu un posto de traballo a 24 desempregados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+
Rogelio Martínez na clausura do obradoiro Ruta Termal

Rogelio Martínez na clausura do obradoiro Ruta Termal

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou hoxe na clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego “Ruta Termal” que contou con 24 alumnos, persoas desempregadas inscritas nas oficinas de emprego da cidade das Burgas. Deste programa mixto de formación e emprego tamén se beneficiaron outras 6 persoas do concello ourensán que formaron parte do persoal directivo, docente e de apoio administrativo. O acto tamén contou coa presenza do xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, José Selas e do alcalde da capital ourensá, Agustín Fernández.

Os alumnos, ao longo dos 6 meses que durou esta iniciativa, realizaron traballos de recuperación de infraestruturas e zonas verde relacionadas coa xardinería e carpintería, os dous módulos impartidos neste obradoiro de emprego. A zona de actuación escollida foi a ruta termal do río Miño, que arranca na marxe dereita do Miño na zona da Chabasqueira e se prolonga ao longo de 12 quilómetros de senda peonil.

Na súa intervención, Rogelio Martínez desexoulles aos alumnos que a preparación e habilidades adquiridas nesta iniciativa contribúan a “incrementar moi significativamente a vosa empregabilidade”. A Xunta inviste neste obradoiro de emprego máis de 213.000 euros.

O delegado territorial destacou ante os alumnos as distintas vantaxes dos obradoiros de emprego: combinan formación cun posto de traballo; permiten o desenvolvemento de obras ou servizos de interese para a comunidade; e abren un importante espazo de colaboración cos concellos para intentar que estes obradoiros teñan continuidade na creación de postos de traballo nun futuro.

Este ano na provincia de Ourense desenvolvéronse 11 obradoiros de emprego que beneficiaron a 234 persoas desempregadas. A Consellería de Traballo e Benestar financiou estas iniciativas cunha achega de máis de dous millóns de euros.

8 de maio de 2014 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.