O obradoiro municipal de teatro de Palas de Rei participa no II Festival de Teatro Escolar da Estrada
O OBRADOIRO MUNICIPAL DE TEATRO DE PALAS DE REI participa no II FESTIVAL DE TEATRO ESCOLAR DA ESTRADA que este domingo se celebrará na Estrada. 156 actores e actrices de catro Aulas de Teatro de Laxe, Palas de Rei, Touro e A Estrada con idades comprendidas entre os 3 e os 21 anos participarán nesta xornada teatral e festiva. O programa desta xornada é o seguinte:
16:00 horas. A Escola Municipal de Teatro de Laxe e o Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei presentan no TEATRO PRINCIPAL DA ESTRADA: NA PROCURA DA FANTASÍA.
18:00 horas. Roteiro musical e teatral polas rúas do centro da Estrada. O inicio será na no Campo da Feira.
19:30 horas. A Aula de Teatro do IES Antón Losada Diéguez, Avelaíñas Teatro, e A Aula de Teatro do CPI de Touro presentan no TEATRO PRINCIPAL DA ESTRADA: FAÍSCAS.
Este Festival permite xuntar ao alumnado das catro Aulas de Teatro e propicia que o alumnado amose o traballo realizado durante o Curso formativo que se desenvolveu ao longo do curso académico 2013/14 nas catro localidades. Insírese dentro dunha xira de funcións que comezou o día 5 de abril en Palas de Rei, que continúa este domingo na Estrada e que seguirá por escenarios de Touro, Ávila, Córdoba, Sevilla e LAXE nos meses de maio e xuño.
Os espectáculos que se presentan van destinados ao público xeral:
NA PROCURA DA FANTASÍAé un espectáculo conformado por varias historias plenas de fantasía, creatividade, sorpresas, personaxes de contos, series de debuxos animados, humor…
A través dunha viaxe polo universo literario dos contos, os protagonistas desta historia atoparanse con dragóns, meigas, faraóns, trolls e outros moitos seres fantásticos creados por alumnado de 3 a dezaoito anos a través de exercicios de improvisación.
Nesta deféndese tamén xogo como medio útil de enfrontar realidades adversas; como método de aprendizaxe e como carreiro para medrar rodeado dun universo de harmonía, ledicia e benestar.
Unha peza que traballa valores como a SOLIDARIEDADE, O COMPAÑEIRISMO, O RESPECTO POLO MEDIOAMBIENTE, A CULTURA DA PAZ, etc. Todo isto será realizado sempre baixo un prisma cómico e reflexivo.
FAÍSCAS é un canto cromático ao compañeirismo, ao respecto ao diferente e á solidariedade. Unha obra rebordante de colorido protagonizada por adolescentes que principian un camiño iniciático na procura de novos horizontes no seu proceso de crecemento como seres humanos.
Tras partir dunha situación de insatisfación, insírense nunha travesía de inspiración acumulativa e circular na que abordarán diferentes eixos temáticos: a pobreza, a solidariedade, o cambio climático, a inmigración, o complexo despertar no universo do amor na adolescencia, a violencia, o consumismo, o futuro das novas xeracións…
Trátase dun divertido xogo onde a imaxinación xoga un papel chave, un alegato emotivo das inquedanzas do mundo adolescente que reterá a ollada curiosa durante o espectáculo e unha reivindicación do teatro como luz, movemento, son, música, ritmo, emoción, poesía…











