O obradoiro ‘Ferrol Verde 2’ formou en conservación de montes e auxiliares de fábricas a 24 persoas desempregadas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+
Beatriz Mato na clausura do obradoiro

Beatriz Mato na clausura do obradoiro

Un total de 24 persoas desempregadas formáronse no obradoiro ‘Ferrol verde 2’ no que os seus participantes recibiron unha preparación de calidade nas especialidades de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e operacións auxiliares de fábricas. A través deste programa mixto de formación e emprego da Consellería de Traballo e Benestar os alumnos e alumnas rehabilitaron, acondicionaron e puxeron en valor a zona verde do Montón, contribuíndo á mellora duns terreos municipais para o disfrute dos veciños de Ferrol.

A titular de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, entregou hoxe en Ferrol os diplomas aos alumnos e alumnas que, ademais, obtiveron un certificado de profesionalidade, que acredita a súa cualificación, enriquece o seu currículum e mellora a súa empregabilidade. Mato destacou que estes certificados contan con validez para todo o territorio nacional e demostra as habilidades e preparación adquiridas no obradoiro.

Así mesmo, lembrou que os obradoiros de emprego están directamente vinculados á realización de obras de interese para a comunidade, ao tempo que supoñen “un importe espazo de colaboración” entre os concellos e a Xunta.

Deste xeito, Mato apuntou que esta actuación, que o departamento autonómico financiou con 215.000 euros, cumpriu co seu dobre obxectivo: mellorar a empregabilidade dos participantes e incrementar as súas oportunidades de acceder ao mercado laboral. “A formación é básica para conseguir crear novas oportunidades para os traballadores e traballadoras galegas”, incidiu a conselleira.

No eido da formación, a titular de Traballo explicou que o Goberno galego aposta por accións formativas que primen a calidade, que estean vinculadas ás necesidades do mercado laboral e que sexa unha formación certificada para mellorar os currículums dos traballadores e traballadoras. Deste xeito, Mato lembrou que a práctica totalidade dos cursos de formación para persoas desempregadas que financia a Consellería en 2014 están vinculados á obtención dun destes certificados. Desde 2009, mías de 36.000 traballadores e traballadoras obtiveron un certificado de profesionalidade en Galicia.

Na actualidade, están en marcha en toda Galicia un total de 50 obradoiros de emprego que contan cun financiamento de 9,5 millóns de euros. Nestes programas mixtos de formación e emprego están a participar 1.300 galegos e galegas. Deste global, na provincia da Coruña puxéronse en marcha 17 obradoiros que contaron cun investimento de 3,3 millóns de euros. Neles están a tomar parte 370 alumnos e alumnas.

Por último, Mato indicou que desde a Xunta se está a traballar cada día por mellorar a calidade de vida e benestar das persoas sen emprego e para incrementar as súas oportunidades de acceder a un posto laboral.

Centro de día das Telleiras

A preguntas dos medios de comunicación, a conselleira indicou que esta semana xa se adxudicou a xestión do centro de días das Telleiras, polo que, a partir de agora iníciase a tramitación de altas de usuarios co fin de poder comezar a actividade no mes de xuño.

13 de maio de 2014 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.