O obradoiro de emprego conxunto de San Amaro e O Carballiño formou e deu emprego a 22 desempregados
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, acompañado do xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, José Selas, participou hoxe na clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego “Agrupación Carballiño-San Amaro” posto en marcha o pasado mes de outubro e no que participaron 22 desempregados como alumnos de xardinería e albanelería, procedentes destes dous concellos ourensáns. No acto tamén estiveron presentes os rexedores do Carballiño e San Amaro, Argimiro Marnotes e Ernesto Pérez, respectivamente.
Durante os seis meses que durou este programa mixto de formación e emprego os alumnos acondicionaron e modernizaron a contorna do templo da Veracruz, no Carballiño, e restauraron A Caseliña e os campos da festa da Cruz das Neves de Grixoa, Lamela e da capital do municipio de San Amaro. Nesta iniciativa o departamento que dirixe Beatriz Mato invistiu máis de 195.000 euros.