O Noroeste Pop Rock consolida os concertos en directo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, acompañada polo coordinador do Noroeste Pop Rock, Nonito Pereira, presentou esta mañá as bases para a elección do catro grupos que participarán no Festival Noroeste Pop – Rock 2014 como teloneiros. Mediante un concurso pioneiro que se puxo en marcha o ano pasado, seleccionaranse catro bandas a través do sistema mixto formado por un xurado profesional e o público. “O éxito desta modalidade de concurso levounos a amplialo co principal obxectivo de dar visibilidade a máis grupos e durante máis días; creando unha oportunidade de promoción única en Galicia”, destacou Fernández.

En concreto, o sistema de elección contará con dúas fases:

–  Fase 1: Preselección. O xurado reunirase para escoitar os traballos presentados e preseleccionará de entre os participantes a dezaseis grupos que participarán na fase 2.

–  Fase 2: Selección. Os días 6, 13, 27 e 28 de xuño farase a selección final, cunha actuación en directo dos grupos preseleccionados en Sálgaa Túnel do Coliseum, con acceso gratuíto a través de invitación. Desta selección elixiranse ao catro grupos que actuarán en directo no Noroeste Pop Rock, que se celebrará na praia de Riazor os días 8 e 9 de agosto.

“Esta forma de selección dos teloneiros foi unha aposta que este ano consolidamos tras comprobar a repercusión que tivo para as bandas participantes, converténdose nunha magnífica plataforma de lanzamento para impulsar as súas carreiras musicais”, explicou Fernández, quen engadiu: “Por este motivo, este ano quixemos dar un paso máis, dándolle a oportunidade ao dobre de bandas e durante o dobre de días”.

A concelleira lembrou que para esta selección o xurado tamén terá en conta o voto do público. A orde das actuacións en cada unha das datas establecerase mediante sorteo que se realizará antes das probas de son. Cada grupo actuará durante trinta minutos; cunha duración total prevista de cada concerto de dúas horas e tres cuartos. Ademais, os concertos contarán cun presentador que ademais de amenizar os intervalos entre grupo e grupo, encargarase de facer público o nome dos finalistas cada xornada.

Así, o día 8 de agosto, actuarán no Noroeste Pop Rock os gañadores das finais dos días 6 e 13 de xuño. Tendo en conta a puntuación final obtida en cada unha desas finais, o segundo clasificado actuará ás 21.00 horas e o primeiro clasificado ás 22.00. O día 9 de agosto, actuarán no Noroeste Pop Rock os gañadores das finais dos días 27 e 28 de xuño co mesmo procedemento. A actuación dos grupos clasificados terá unha duración de 45 minutos.

A organización do concurso porá a disposición dos grupos participantes tanto o escenario como os equipos de son e a iluminación. Ademais, os dous primeiros clasificados cobrarán pola súa actuación 2.000 euros e os segundos clasificados 1.500 euros.

“Na edición 28 do Festival queremos que a praia de Riazor volva converterse nun escenario privilexiado sobre o que ver aos grupos de renome nacional e internacional que visitan a cidade cada verán para participan nesta cita na que, desde fai catro anos, tamén están convidados os grupos emerxentes da comunidade. Desta maneira, o Concello da Coruña, ademais de recuperar o espírito orixinal das primeiras edicións do Noroeste Pop Rock, proporciona unha magnífica plataforma promocional para estas formacións”, concluíu a concelleira que lembrou que este evento xa se situou como un dos referentes musicais do país de cada verán.

Os interesados terán que realizar a súa inscrición a través dun mail na dirección de correo imce@coruna.es ou nas oficinas do IMCE (avenida de A Mariña, 18, edificio Casa Paredes), antes das 13.30 horas do día 2 de xuño. Ademais da solicitude, cun pequeno texto de presentación e un dossier fotográfico, terán que achegar catro cancións orixinais en soporte físico ou a través dun enlace URL onde estean aloxadas. Cada participante poderá presentar unha soa solicitude, polo menos a metade dos integrantes do grupo debe de estar empadroado nalgún concello galego e ningún grupo pode ser seleccionado para actuar nos concertos do Festival Noroeste Pop – Rock nas edicións de 2012 e 2013.

Por último, a concelleira de Cultura explicou que entre as actividades levadas a cabo para promocionar o Noroeste Pop Rock está a recompilarse todo o material dispoñible para realizar un histórico do Festival polo que animou a todos os cidadáns a participar e compartir calquera cartel, imaxe, audio ou vídeo que conserven dos seus 27 anos de vida desta iniciativa.

20 de maio de 2014 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.