publicidade hoxe

O Mundial de Duatlón será unha inmellorable maneira de proxectar Pontevedra cara ao exterior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Lete Lasa na presentación do Mundial de Duatlón

Lete Lasa na presentación do Mundial de Duatlón

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou hoxe na presentación do Campionato do Mundo de Duatlón 2014 que terá lugar na cidade de Pontevedra os días 31 de maio e 1 de xuño.

Lete Lasa felicitou o Concello, as federacións galega e española de tríatlon, e todos os pontevedreses polo importante paso dado este ano para “a consolidación de Pontevedra como capital internacional do tríatlon nas súas diversas modalidades”, logo de ter sido, entre 2008 e 2011, sede de diversas competicións europeas deste deporte, ademais do campionato de España de duatlón que acolleu o pasado ano.

Asegurou que “a organización dun evento deportivo deste nivel reflicte a intensa dedicación e o saber facer das institucións implicadas, algo que estou seguro que valorarán moi positivamente tanto os pontevedreses como os deportistas, os visitantes e todos os afeccionados que se acheguen fisicamente á cidade ou se asomen a ela a través dos medios de comunicación”. “Inmellorable maneira de contribuír á proxección exterior de Pontevedra”, engadiu.

Durante a presentación da proba, na que a Xunta de Galicia colabora cunha axuda económica e o uso das instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), Lete Lasa subliñou que “o tríatlon galego ten moito presente e moito futuro”, e precisamente boa parte del radica nos novos talentos que se preparan no CGTD, algún dos cales participarán no Mundial de Pontevedra. Sobre estas novas promesas, que van sumando logros nos seus palmareses, o secretario xeral expresou “a ilusión, que seguro compartimos todos, de que sigan o ronsel do noso tricampión mundial Javier Gómez Noya”.

Participación prevista no Mundial de Pontevedra

Segundo datos da organización, o Mundial de Duatlón de Pontevedra 2014, estruturado en 12 competicións, acollerá un total de 1.418 deportistas procedentes de máis de 30 países dos cinco continentes, o que suporá a maior participación rexistrada ata o de agora nun mundial desta modalidade. Por nacionalidades, os países con maior presenza de deportistas serán Gran Bretaña (349 inscritos), seguido de España (337) e os Estados Unidos (269). Tamén haberá unha importante participación de canadenses, franceses, australianos e surafricanos.

Do total de inscritos, 1.212 deportistas corresponden a Grupos de Idade e o resto corresponde aos atletas de elite.

Está prevista a participación do ex-atleta da Sociedad Gimnástica de Pontevedra, Emilio Martín (campión do mundo 2012 e prata en 2013); o actual campión, o belga Rob Woestenborghs; o francés Benoit Nicolas (bronce 2011 e 2013). En mulleres destaca a francesa Sandra Levenez (varias veces medallista mundial e prata en Cali). Entre os galegos cabe destacar a presenza de Melina Alonso (bronce júnior en Gijón) e a do júnior vigués Antonio Serrat (sétimo no campionato de Europa de Tríatlon e subcampión de España de duatlón.

Para o Duatlón popular Pontealdu espérase unha participación que roldará os 200 deportistas.

En canto ao operativo de voluntarios, un total de 484 persoas colaborarán no desenvolvemento das probas.

21 de maio de 2014 | 18:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.