O MICSUR de Arxentina estreita as conexións entre as industrias culturais galegas e latinoamericanas

Jacobo Sutil na presentación en Micsur
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Ministerio de Cultura de Arxentina presentaron en Mar del Plata as próximas accións conxuntas de cara a celebración da nova edición en Galicia do MICAtlántica 2015 (Mercado das Industrias Culturais Atlánticas) e a execución dos acordos xa acadados. A delegación institucional aproveitou a presenza en Mar del Plata para afianzar as relacións no eido das industrias culturais de Galicia e Latinoamérica.
O acto celebrouse no marco do Mercado de las Industrias Culturales del Sur (MICSUR), que está a desenvolver a súa primeira edición nestes días na capital arxentina, e no que participan os dez países do Mercosur. Galicia está presente como invitada especial neste encontro de singular importancia, xa que reúne máis de 2.600 participantes acreditados de toda América do Sur, co obxectivo de abrir novas liñas de colaboración, establecer lazos comerciais, aproveitar sinerxías e estimular o crecemento dun sector en pleno auxe neste continente.
A estes profesionais únense nesta primeira edición de MICSUR os 21 membros (entre empresas, artistas e institucións) da delegación galega, un logro que se acadou precisamente grazas ao acordo de colaboración suscrito na primeira edición de MICAtlántica, celebrada en novembro de 2013 no Gaiás-Cidade da Cultura de Galicia.
Continuidade en Galicia en 2015
Así o lembraron na presentación celebrada dentro do programa oficial de MICSUR tanto o director nacional de Industrias Culturales do Ministerio de Cultura de la Nación Argentina, Rodolfo Hamawi, como o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, que xunto co coordinador xeral de MICAtlántica, Rómulo Sanjurjo, foron os encargados de presentar a próxima edición do Mercado das Industrias Culturais Atlánticas.
Deste xeito, o éxito acadado na primeira edición, na que participaron 400 representantes dos principais sectores das industrias culturais arxentina e galega, ademais de Portugal e de diferentes comunidades españolas, terá continuidade en 2015.
No transcurso da presentación, á que asistiron representantes de empresas, institucións e xestores culturais de diferentes países de Latinoamérica —ademais dos membros da delegación empresarial galega e numerosos medios de comunicación— emitiuse un vídeo co saúdo do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Con este xesto, Xesús Vázquez Abad quixo destacar a importante iniciativa desenvolvida polo Ministerio de Cultura arxentino de congregar a todos os países do Mercosur nun mercado global, agradecendo en nome da Xunta de Galicia e de todo o sector cultural galego a oportunidade de participar no MICSUR e de seguir ampliando “esa magnífica rede común dos países latinoamericanos”.
O conselleiro aproveitou tamén a gravación para convidar á asistencia á ‘Noite Galega en MICSUR’, que protagonizarán mañá sábado, 17 de maio, os artistas Uxía, Rosa Cedrón, Budiño e Narf no espectáculo Atlántic@s, integrado na oferta de espectáculos do Mercado. Finalmente, invitou a todos os profesionais acreditados neste encontro a visitar Galicia o próximo ano e seguir avanzando neste proxecto conxunto a través de MICAtlántica 2015.
Reencontro coas raíces
O director nacional de Industrias Culturales de Arxentina, Rodolfo Hamawi, lembrou que tanto a presenza galega en MICSUR como o MICAtlántica son a culminación dun achegamento cultural entre Galicia e Latinoamérica fraguado a través da historia, que xerou una importante influencia cultural en ambos territorios e que agora supón o reencontro coas raíces, non só no ámbito creativo senón tamén traducido ao eido empresarial, comercial e da produción cultural.
Hamawi engadiu que neste momento se está xa a traballar na posta en marcha da segunda edición de MICAtlántica, coa finalidade prioritaria de consolidar e ir desenvolvendo os numerosos acordos acadados o pasado ano nas máis de 1.500 roldas de negocio celebradas no Gaiás.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, afondou nesta idea salientando que MICSUR constitúe para o sector en Galicia un novo e trascendente paso, no obxectivo de situar a nosa comunidade e a súa produción cultural como epicentro da relación comercial, do intercambio profesional e da exhibición artística no eixo xeográfico atlántico que conforman a Península Ibérica e Latinoamérica.
En relación con MICAtlántica 2013, Jacobo Sutil destacou que o evento constituíu a primeira deslocalización do formato orixinal do Mercado de las Industrias Culturales Argentinas, que trasladou á capital de Galicia a súa estrutura temática e funcional. Neste contexto —lembrou— xurdiron once acordos institucionais e outros vinte de natureza privada, que se seguirán executando na próxima edición de 2015. A previsión é xerar de novo un intenso intercambio profesional, empresarial, profesional, artístico e divulgativo a través de roldas de negocio, presentacións de proxectos, foros de debate, conferencias e exhibicións artísticas das culturas galega e latinoamericana.