O mar, o patrimonio e o futuro pecharán o programa do Congreso Europeo de Turismo Industrial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

“O turismo industrial e o mar”, “O turismo como motor do cambio industrial” ou “O patrimonio industrial e o turismo: unha visión do futuro”, son os títulos dos paneis de expertos ao redor dos cales virará a terceira edición do Crossroads of Europe e a quinta do Congreso Europeo de Turismo Industrial que se celebrará entre o 17 e o 20 de xuño en Ferrol e cuxo programa definitivo se pechou estes días.

O Congreso, cita clave no calendario de eventos de Galicia, está organizado pola Deputación da Coruña en colaboración coa Dirección Xeral de Empresa e Industria da Comisión Europea, a Asemblea das Cámaras de Comercio e Industria francesas (CCI FRANCE) e a Cámara de Comercio e Industria de Toledo.

Tanto os paneis de expertos que se celebrarán o día 18 de xuño como as mesas de traballo previstas para o día seguinte deseñáronse tendo en conta os obxectivos principais da cita, que pasan por dar voz a todos os axentes que participan neste segmento, concienciar sobre o potencial dunha nova forma de turismo e facer posible que o turismo industrial e o cultural se convertan nunha realidade xeradora de riqueza en moitos destinos.

Para iso, é fundamental a parte “práctica” do Congreso, que inclúe a exposición de diversas experiencias de éxito que axuden a desenvolver novos proxectos tanto en Ferrol como na provincia ou en Galicia en xeral.

Segundo explicou Diego Calvo, os temas que se han debater nas mesas de traballo son tamén claves para analizar as necesidades do Turismo Industrial e Cultural. Desde a: “Imaxe, promoción e comercialización de destinos turísticos; a “revalorización da paisaxe industrial” ou a importancia da formación neste segmento.

Non faltarán tampouco asuntos de debate cun matiz máis administrativo, como é o caso da mesa dedicada ao financiamento e programas estratéxicos da UE con respecto a este tipo de turismo ou a planificación e xestión dos proxectos de Turismo Industrial.

Á fronte de cada un dos paneis de traballo haberá expertos relatores procedentes de distintas institucións europeas así como da universidade, da administración e de empresas privadas procedentes de toda Europa.

Actividades paralelas

O evento, cuxa sede principal será o Teatro Jofre de Ferrol, diríxese a todas as persoas interesadas en descubrir as rutas culturais europeas como nova forma de facer turismo, destacando especialmente o turismo industrial. As inscricións ao congreso xa están abertas e ata agora superáronse xa as 150 persoas rexistradas.

O congreso ten carácter gratuíto e o seu interese radica non só no prestixio dos relatores, pois a cita, de carácter internacional, contará cunha proxección e unha cobertura mediática moi importante para Ferrol. “Temos que ser conscientes de que no mes de xuño a nosa cidade será o centro europeo de turismo industrial, onde mirarán todos os expertos. Temos que aproveitar esta grande oportunidade, mostrar a nosa riqueza e demostrar do que somos capaces de Ferrol”, matizou o titular da administración provincial.

As charlas e os debates complementaranse ademais cun importante programa de visitas a empresas ou industrias relacionadas co turismo industrial e cultural pensadas para que os congresistas coñezan “in situ” a oferta en Ferrol e a súa comarca.

Así, haberá desde un percorrido por unha oferta xa clásica de Ferrol como é “A ruta da construción naval” ata a posibilidade de vivir experiencias “industriais” visitando as entrañas de empresas de prestixio internacional como Inditex ou Navantia. Ademais, ofertaranse tamén a posibilidade de completar algún dos itinerarios incluídos na ruta conserveira.

5 de maio de 2014 | 11:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.