O luns ábrese o prazo de preinscrición na Aldea de verán de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Aldea de verán é unha iniciativa municipal que facilita a conciliación da vida persoal, laboral e familiar ao tempo que contribúe á formación socioeducativa dos nenos e nenas durante as vacacións do verán. Este ano ofrécense 35 prazas para cativos de entre 3 e 12 anos. Aldea de verán desenvolverase nos meses de xullo e agosto, aínda que a preinscrición poderá facerse desde este luns 2 de xuño.

Na actividade terán preferencia as persoas empadroadas no concello de San Sadurniño ou con algunha vinculación laboral co municipio, nesta mesma orde. As 35 prazas dispoñibles están condicionadas pola demanda que exista e pola idade dos participantes, xa que na faixa horaria de 8 a 10 h. só se ofertan entre 10 e 15 prazas. 

O horario global é de 8 a 14 horas de luns a venres dividido en dúas quendas: unha de 8 a 10 e outra de 10 a 14 horas. Na primeira quenda haberá un monitor ou monitora e na segunda incorporaranse ao servizo outras dúas persoas, que se encargarán da organización dos xogos e outras actividades de lecer e aprendizaxe.

As cotas mensuais levan xa dous anos sen variar. En función do horario de entrada na actividade e do número de membros dunha mesma familia que se queiran inscribir, os prezos serán os seguintes:

Horario de 8 a 10 horas: 90 euros por un membro da unidade familiar, 60 polo segundo e 30 polo terceiro.

· Horario de 10 a 14 horas: 60 euros polo primeiro membro da unidade familiar, 40 polo segundo e 30 polo terceiro.

As matrículas poderán formalizarse en dous prazos e cómpre ter en conta que a selección se fará por orde de inscrición. O prazo de matrícula para o servizo durante o mes de xullo estará aberto do 2 ao 20 de xuño e no mesmo periodo tamén se poderá reservar praza para o mes de agosto pagando dous meses. Só poderán pagar as familias que figuren empadroadas no concello, xa que son as que teñen preferencia.

Para inscribir os nenos na Aldea de verán durante o mes de agosto o prazo estará aberto entre o 1 e o 18 de xullo coas mesmas condicións que no caso anterior.

Quen queira obter máis información sobre o programa pode dirixirse aos servizos de Igualdade do Concello de San Sadurniño ou chamar ao 981 490 027.

29 de maio de 2014 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.