O luns abre o prazo de inscrición das actividades de verán
O Salón de Plenos do Concello de Ourense acolleu esta mañá a presentación das actividades de verán 2014, destinadas a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos. Co obxectivo de ofrecer unha alternativa ás familias que constitúa un espazo de convivencia entre nenos e nenas de diferentes colexios, e inculque bos hábitos para ocupar o tempo de lecer, catro centros educativos da cidade, a Aula de Natureza de Oira, a Escola Municipal de música e artes escénicas e as bibliotecas municipais ofrecerán diversas propostas, en horarios de mañá e tarde.
O prazo de inscrición manterase aberto entre o luns, día 2 de xuño, e o 16 de xuño, en horario de 9 a 14 h, na Concellería de Educación, ou nas propias bibliotecas. O custe de inscrición é de 10 euros, cun desconto de 5 euros no caso de inscrición de irmáns. As alternativas ofrecidas son as seguintes:
– Centros de ensino de Educación Primaria (mes de xullo): CEIP Amadeo Barroso, CEIP Couto, CEIP Curros Enríquez e CEIP Prácticas, dirixido a alumnado de Educación Primaria, de 6 a 12 anos. Horario: de 9 a 14 h.
– Escola Municipal de Música e das artes escénicas (mes de xullo): dirixido a alumnado de Educación Primaria, de 6 a 12 anos. Horario: de 9 a 14 h.
– Aula de Natureza de Oira (xullo e agosto): dirixido a alumnado de Educación Primaria, de 6 a 12 anos. Horario: de 10 a 13 h e de 16:30 h a 19:30 h.
– Bibliotecas Municipais (xullo e agosto): A Carballeira, San Francisco, A Ponte e punto lectura O Couto, dirixido a alumnado de 4 anos cumpridos no momento da solicitude, ata os 10 anos. Horario: de 10:30 a 13 h.
Asistiron á presentación a concelleira Ana Garrido, a coordinadora de Bibliotecas Municipais, Isabel Rodríguez, e o coordinador da Aula de Natureza, Luis Amigo. Isabel Rodríguez concretou que o obxectivo fundamental é que os nenos e nenas se sumerxan na lectura, descubran a literatura infantil e os contos e coñezan aos personaxes. Así, haberá teatro, guiñol, contacontos e outras actividades de carácter lúdico. Na Aula de Natureza, pola súa banda, haberá actividades enfocadas á educación ambiental. A concelleira estimou que a participación total dos nenos e nenas rondaría o millar.