O incremento de medidas preventivas reduciron nun 27% o número de atropelos de tráfico na Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da área de Seguridade e Mobilidade que dirixe Xullo Flores, informa de que o incremento das medidas de prevención da Unidade de Tráfico da Policía Local e a maior concienciación cidadá lograron reducir en 2013 un 27% o número de atropelos (109) con respecto a 2012: “A metade das persoas que resultaron feridas os atropelos do pasado ano eran maiores de 55 anos e tan só un 10% menores de 14 anos”, indicou e continuou: “O 34% dos atropelos produciuse entre as 9.00 e as 14.00 horas e o 28% entre as 17.00 e as 20.00 horas”, sinalou Flores esta mañá.

O tenente de alcalde destacou que en 2013“tamén se logrou que non se producise ningunha vítima mortal en atropelo ou accidente de tráfico na nosa cidade, fronte a un falecido en 2012 e tres en 2011”. “O que non foi positivo é que se incrementaron nun 11% os accidentes de tráfico. Na nosa cidade producíronse o ano pasado 833 accidentes de tráfico nos que resultaron implicadas 1.978 persoas”. A principal causa de accidentes foi a falta de atención (42% do total) e desobedecer sinais de tráfico (23,2%).

En 2013 realizáronse diversas accións formativas para incidir nos comportamentos de risco de accidentes e atropelos, dentro do programa de educación viaria. Así se realizaron diversas accións nas que participaron 31 centros escolares e de adultos–un 50% máis que en 2012- de ensino Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato, Educación Especial e de diversos colectivos, ás que asistiron 1.803 alumnos –un 31% máis que o ano anterior-.

As accións preventivas tamén incluíron 3.758 mensaxes nos paneis informativos de Tráfico – unha media de 10 mensaxes diarias – para alertar de retencións na circulación, de dispositivos especiais de circulación ou para reforzar as mensaxes relacionadas coa seguridade viaria.

PREVENCIÓN

Un dos principais obxectivos da Policía Local foi incrementar as accións de prevención relacionadas coas infraccións que máis inflúen nos accidentes de tráfico:

1. Controis de alcoholemia, en 2013 denunciáronse 678 alcoholemias positivas (dúas máis que en 2012), das que un 80% detectáronse en controis preventivos (82,5% en 2012) e un 20% en probas tras accidente (17,5% en 2012). A tramitación de denuncias por alcoholemias positivas vía penal foron 264, un 23,2% menos que en 2012.

2. Controis de velocidade, en 2013 realizáronse 393 controis de velocidade (un 12,6% máis que en 2012), nos que se controlaron 124.053 vehículos (un 20,5% máis que en 2012), denunciándose o 1,28% do total de condutores controlados (1,42% en 2012 e un 1,82% en 2011).

3. Controis de seguridade, en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico realizáronse diversos controis de seguridade como uso do cinto e de sistemas de retención infantil, control de motocicletas, de respecto aos semáforos, de transporte escolar, de camións e furgonetas, etc. Contabilizáronse 2.119 denuncias por circular sen a Inspección Técnica de Vehículos (I.T.V.), carecer de seguro, conducir sen permiso ou circular con deficiencias técnicas, un 15,5% máis que en 2012.

O incremento das medidas de control tamén se plasmou no número total de denuncias de tráfico realizadas pola Policía Local en 2013 (44.479), un 31% máis que o ano anterior. Destas, o 71% fórono por axuda á mobilidade (estacionamentos indebidos, circular por zonas peonís, impedir a entrada a peóns a inmobles), o 21% por prevención de accidentes (alcoholemias positivas, exceso de velocidade, non usar o cinto, condución neglixente, non respectar a sinalización, etc) e o 6% por servizo ao cidadán e conservación do patrimonio (estacionar en vaos ou zonas axardinadas, impedir retirada de colectores, etc).

Respecto das infraccións denunciadas, 3.518 fórono a través do sistema instalado na Vía Prioritaria Vixiada, un 1% menos que en 2012, e 3.523 fórono polo Automóbil de Vixilancia Integral (AVI), un 4,5% menos que o ano anterior.

Por mor das continuadas queixas dos veciños, o actual Goberno municipal puxo en marcha un Dispositivo Especial de tráfico para os días de partido do R.C. Deportivo no estadio de Riazor, co obxectivo de pór fin aos malos hábitos dalgúns condutores que aparcaban en zonas especialmente sensibles que afectaban á mobilidade e á seguridade das persoas. Este dispositivo preventivo evita que, cada día de partido, estacionen de forma indebida máis de 450 vehículos nas proximidades do Estadio. Durante 2013 celebráronse en 23 partidos, cun total de 167 vehículos denunciados, dos que 124 vehículos tiveron que ser retirados polo servizo do guindastre municipal, un número similar ao deaños anteriores.

Por mor da posta en marcha deste Dispositivo Especial, responsables de varios parkings da cidade puxéronse en contacto co Concello para presentar unha iniciativa de aparcadoiros de baixo custo para os días de partido de fútbol e o Concello tan só encargouse de levar a cabo os labores de coordinación entre os distintos aparcadoiros. Dezaseis aparcadoiros subterráneos da cidade impulsaron a proposta bautizada como Parking low cost Forza Depor ofrecendo 5.433 prazas de aparcadoiro con importantes descontos (entre o 40% e o 70% sobre a tarifa ordinaria) durante seis horas os días de partido oficial.

21 de maio de 2014 | 12:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.