O II Multivoz converterá Lousame na capital galega do sendeirismo
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e o delegado de La Voz de Galicia en Ribeira, Moncho Ares, presentaron esta mañá a segunda edición do programa Multivoz, que ofrecerá a todos os galegos e galegas a posibilidade de participar nun dos 5 roteiros organizados polo municipio de Lousame: dous a pé, en bicicleta de montaña (BTT), en quad ou en moto. Villaverde e Ares estiveron acompañados polos responsables de cada unha destas rutas, que explicaron os pormenores das mesmas.
Teresa Villaverde agradeceu especialmente o traballo realizado tanto polos técnicos municipais como polos membros das distintas asociación colaboradoras na organización destes roteiros. Así mesmo, agradeceu a aposta de La Voz de Galicia por Lousame xa que “é unha promoción que se dá ao noso concello” e sinalou que agarda “que acuda moita xente a participar, que sexa unha xornada de ocio compartida”. Así mesmo, Villaverde lembrou que Multivoz “non é unha competición, senón unha forma de disfrutar da natureza e da riqueza arquitectónica, paisaxística e da toponimia de Lousame”.
Moncho Ares tamén destacou o traballo dos organizadores das rutas e o compromiso do Concello de Lousame co proxecto. “La Voz de Galicia está satisfeita do apoio que consegue en Lousame e, entre todos, temos que facer que isto se coñeza en toda Galicia e a xente coñeza este concello e as súas paisaxes”, apuntou Ares.
Rutas
O programa presentado hoxe inclúe un total de 5 roteiros, dúas delas a pé que sairán ás 15:00 horas do polideportivo da Silva. Manoli Filgueira, coordinadora da ruta de sendeirismo longa (20 kms) explicou que é unha ruta circular na que os sendeiristas coñecerán o paseo fluvial de San Francisco, visitarán Tállara e outros lugares para recoñecer a arquitectura en pedra de Lousame, así como “os camiños de toda a vida”. “É unha ruta moi sombreada, polo que non se vai pasar calor”, explicou Filgueira, quen tamén destacou que se traballará na recuperación da toponimia da zona. A ruta chegará ao polideportivo ás 21:00 horas.
A segunda ruta a pé, denominada ruta lúdica, percorrerá 16 quilómetros. “Pódea facer todo o mundo pois está preparada para todos os niveis”, explicou o seu coordinador, Néstor Romero, técnico de Deportes do Concello de Lousame. Romero explicou que “o obxectivo é coñecer lugares moi bonitos de Lousame e coñecer como se traballaba nas antigas papeleiras ao longo do río Vilacoba”. Para iso contarase coa colaboración de veciños e veciñas que traballaron aló e que ofrecerán o seu valioso testemuño. Esta ruta sairá do polideportivo da Silva para pasar por Pastoriza, Alto de Aguieira, Ponte Gaiteira, Lesende, Soutoredondo… para estar de volta no polideportivo ás 20:00 horas.
Rutas a motor e BTT
Ás 15:30 horas sairán do polideportivo as rutas de quads e de motos, que farán practicamente o mesmo percorrido. José Ramón Romero, coordinador da ruta de Quads, destacou que “esta ruta é un paso para coñecer as aldeas por corredoiras antigas, camiños polas beiras do río. Non é unha proba de habilidade nin de velocidade”. Os 60 quilómetros da ruta percorrerán distintos lugares de Lousame e de Noia. A denominada “ruta da mina”, levará aos participantes ata San Finx, ata O Cercal e ata o cruce do Confurco. Despois contémplase unha subida á capela de San Mamede, visita a Cabrais, Guiende, Camboño e ao San Lois. A volta está prevista para as 21:15 horas.
Chema Ogando, coordinador da ruta de motos, indicou que o seu trazado “coincide nun 80% co dos quads” e incidiu na idea de que “é unha proba lúdica, nada de carreiras. É para pasalo ben”. Un punto no que tamén incidiu Germán Romero, técnico de Deportes do Concello de Lousame: “é unha ruta social, non competitiva. É para todo o mundo, para disfrutar das paisaxes e da contorna”. Así, Germán Romero explicou que “buscamos camiños que se recuperan, que teñen un aliciente para pasar por eles. Non queremos ir por unha pista forestal, senón pasar por un sendeiro dunha fraga con vistas impresionantes”. O percorrido das BTT será de 38 quilómetros, de dificultade física/técnica media, con saída e chegada no polideportivo de Lousame (ás 16:15 e ás 20:00 horas, respectivamente).
O II Multivoz rematará coa degustación dunha paella xigante a partir das 22:00 horas. A cota de inscrición é de 10 euros e os formularios de inscrición pódense conseguir cos exemplares de La Voz de Galicia.











