O I Torneo de Xadrez de Oroso superou o centenar de participantes

Participantes no torneo de xadrez
Un total de 101 xogadores, 47 deles menores de 12 anos, participaron este sábado no primeiro Torneo de Xadrez Concello de Oroso, disputado no centro cultural de Sigüeiro e organizado polo Club Xadrez Oroso coa colaboración do Concello de Oroso. “Sobrepasamos con creces as nosas expectativas”, recoñeceu Juan Ramón Salgueiro, presidente do Club Xadrez Oroso, quen asegurou que “esperamos que se poida repetir noutra ocasión”.
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, amosou a súa “satisfacción por todas as actividades deportivas que se están desenvolvendo en Oroso” e agradeceu “o esforzo que están facendo clubs como o Xadrez Oroso para achegar o deporte a todos os veciños e veciñas”. O alcalde orosán foi o encargado de entregar os premios aos campións do torneo na categoría absoluta, sub 14, sub 12, sub 10 e mellores clasificados locais, para o que contou coa colaboración dos concelleiros de Deportes, Luís Rey, e de Cultura, Antonio Leira.
Clasificacións
O I Torneo de Xadrez Concello de Oroso disputouse baixo o sistema de xogo suízo a 6 roldas, cun ritmo de xogo de 15 minutos por partida. Participaron un total de 101 xogadores chegados de clubs de toda Galicia: Marquiño, Rianxo, San Francisco, Padrón, Gallaecia, Sanxenxo, Nemenzo, Peleteiro, Lalín, As Pontes, Marín, Millarengo, Círculo Ferrolán, A Estrada, O Toque Xiria, Ex-Alcohólilcos, USC, Ourense, Arteixo, Brétema, Betanzos, Recatelo, Liceo de Noia, Fontecarmoa …
O campión absoluto do torneo foi Jesús Rodríguez Pérez (Marquinho) con 5,5 puntos, seguido por Antonio Susavila Muñiz (Padrón) e Carlos Yebra-Pimentel (Gallaecia) con 5 puntos. Os mellores clasificados de Oroso foron Sergi Castro, Alba Aroa, Martín Pena e Juan Ramón Salgueiro.
Na modalidade Sub 14 o triunfo foi para Jorge Méndez (Xadrez Rianxo), seguido por César Pérez (Xadrez Ourense) e por Daniel González Eirís (Arteixo). Na categoría Sub 12, o gañador foi Marcos Vázquez (Xadrez Ourense), completando o podio David Butrón (Gallaecia) e Roque Bouza (Xadrez Betanzos). Por último, Marcos Carou (Xadrez Rianxo) gañou na categoría Sub 10, seguido por Mateo Rodríguez (Fontecarmoa) e Antón Aranda (San Francisco).











