O I Concurso de Pintura Rápida Cidade de Ourense premiará traballos sobre a zona vella e o seu ambiente
A Concellería de Cultura e Laddo animan a participar no I Concurso de Pintura Rápida Cidade de Ourense, que se celebrará mañá, sábado 31 de maio. O lema do concurso é ‘Ourense. Zona vella e o seu ambiente’, sendo libres a técnica e o estilo. O formato será moi similar ao do recente Maratón de fotografía: os concursantes deberán presentarse na Praza Maior entre as 09.00 horas e as 11:00 horas para a numeración e o selado dos soportes, os traballos serán realizados in situ e as obras entregaranse de 16.00 a 18.00 horas no lugar da presentación, onde serán expostas ata as 20.00 horas sobre o seu cabalete.
Estas só se poderán asinar despois da cerimonia de entrega de premios. As tres mellores propostas repartiranse 800€, 400€ e 250€ respectivamente, co aliciente doutros tres premios privados máis.
O único requisito para participar é ser maior de idade e formalizar a inscrición -gratuíta- no enderezo electrónico concursopintura@ourensecultura.com ou mañá, sábado, o propio día do concurso, entre as 8.00 e as 08.45 horas, na Praza Maior.