O grupo de música tradicional Treixadura ofrecerá un concerto en Redondela
O vindeiro sábado 31 de maio, ás 22.30 h, o Campo da Feira de Redondela acollerá un concerto do grupo de música tradicional TREIXADURA, que se inclúe na colaboración da Concellaría de Cultura e o plan cultural da Deputación de Pontevedra. Este grupo de orixe redondelá, iniciou a súa andaina en 1990 no muíño vello de Redondela e, aínda que orixinariamente estivo formado por catro gaiteiros, a partir do ano 2001 incorporou á formación as voces do que se convertería no Orfeón Treixadura. Na actualidade a formación está composta por Antón López, César Longa, Magoia Bodega, Paulo Nogueira e Xaquín Xesteira, na parte musical; e por 10 compoñentes do Orfeón Treixadura, que forman parte deste proxecto conxunto.
Teñen colaborado con moitos músicos e agrupacións de música tradicional como Rodrigo Romaní ou Donicelas, e en diversos proxectos conxuntos como Son de Aquí, un espectáculo galego completo que encheu as festas de música, danza, monicreques e contacontos nos anos 2004 e 2005, no que participaron tamén Leilía, Tanxarina e Quico Cadaval; ou Cantigas do Camiño, un proxecto colectivo de música galega gravado en 2010.
A súa discografía propia comeza en 1996 con Obrigado, e continúa con Unha noite no muíño (1999); Unha noite non é nada (2003); Unha semaniña enteira (2006) e Esa si que é muiñada (2011), traballos cos que se foron convertendo en referente da música tradicional galega e no grupo que máis contribucións achegou ao repertorio dos grupos de música tradicional e música vocal galega.
TREIXADURA é sinónimo de música tradicional, e os seus ritmos, cantigas e instrumentos encaixan tanto nas romarías máis populares coma nas festas e eventos urbanos. O seu obxectivo é divulgar a música tradicional galega e facer que o público goce bailando, cantando e escoitando música de noso.
A entrada é de balde.











