O grupo A Roda presenta o seu novo traballo ‘Outra volta de Roda’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Presentación en Santiago de 'Outra volta de Roda'. Foto: A. Varela

Presentación en Santiago de ‘Outra volta de Roda’. Foto: A. Varela

‘Outra volta de Roda’ é o título co que o grupo A Roda presenta o seu novo traballo, un libro-CD que foi presentado hoxe en Santiago de Compostela por algúns dos membros da formación viguesa, nun acto que contou coa participación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

O Salón Teatro foi o escenario da presentación do que constitúe o décimo sexto traballo da formación viguesa, no marco dun acto no que o secretario xeral puxo en valor o “exitoso tránsito d’A Roda pola verea da música galega, que converteu o grupo nun nome de referecia, nunha formación senlleira que case corenta anos despois do seu nacemento segue a facernos gozar coas súas cantigas”. “Froito da semente que foi medrando nesta andaina –dixo–, ve agora a luz un traballo no que non faltan os grandes éxitos d’A Roda”, como “O andar miudiño”, “Pousa, pousa”; ou “O gato”.

No acto de presentación d’A Roda tamén participaron Alfredo Dourado e Manuel Dopico, dous dos integrantes do grupo.

Un percorrido pola andaina d’A Roda

Os 13 temas que se inclúen no disco ofrecen un percorrido pola traxectoria do grupo, na que destaca o nome de Adolfo Domínguez Otero ‘Fito’, eixe fundamental d’A Roda, falecido en 2012. Logo da ‘Xira na memoria’, coa que o grupo lembrou o seu fundador o pasado verán, este disco pretende ser tamén unha homenaxe á súa figura e ao resto de persoas que pasaron pola formación viguesa desde as súas orixes.

Ao mesmo tempo, “no disco están presentes as novas inquedanzas e horizontes do grupo, cos que queren afrontar o futuro e seguir facendo virar a roda”, afirmou Anxo Lorenzo, polo que supón un punto de inflexión na súa andaina. Para iso contan coa contribución de recoñecidos colaboradores, como Najla Shami, Emilio Rúa, Ses ou Luis Vaamonde, e do pintor Ramón Trigo, que ilustra o disco. No libro tamén se atopan voces como as de Xesús Alonso Montero, Manuel Forcadela ou Anxo Angueira.

Recuperación de cantigas tradicionais

A Roda foi un dos referentes musicais galegos durante a transición, que baseou a súa traxectoria na recuperación de cantigas tradicionais galegas, repertorio ao que incorporou pezas propias que tamén acadaron unha ampla difusión social. O pasado verán, a Consellería de Cultura e Educación apoiou a ‘Xira na memoria’ d’A Roda, en homenaxe ao fundador do grupo, unha voz imprescindible da música popular galega.

Desde o seu nacemento, en 1977, A Roda veu facendo unha achega moi importante ao ambiente de festa das casas e das celebracións de toda Galicia, cunha proposta popular, recuperando tamén cantigas vellas, creando outras novas, nun labor importantísimo para a cultura galega espontánea e popular.

8 de maio de 2014 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.