O goberno de Vilagarcía toma as rendas para que as pintadas no colexio Filipense non afecten a festa de Santa Rita
O goberno local de Vilagarcía decidiu tomar as rendas para evitar que as pintadas realizadas na fachada do colexio Filipense, no conxunto monumental de Vista Alegre, afeen as inminentes celebracións das festas de Santa Rita que teñen neste entorno o seu epicentro. En vista da lentitude dos trámites realizados pola propiedade do centro educativo coa súa compañía aseguradora e por tratarse dun ben do patrimonio artístico e histórico local que conta coa declaración de Monumento Nacional, o Concello optou por asinar un acordo co colexio Sagrada Familia a efectos de adiantar o gasto da limpeza da fachada mentres non se completa a xestión co seguro. A actuación aprobada por Patrimonio custa 2.359,50 euros.
Grazas a esta medida, hoxe mesmo puideron comezar os traballos de limpeza das pintadas vandálicas realizadas hai xa meses na fachada do colexio que dá precisamente á entrada principal da igrexa de Santa Rita. Unha empresa especializada na realización deste tipo de actuacións encárgase de acometer a limpeza que está previsto que conclúa o mércores, a efectos de que o monumento presente a súa mellor cara para acoller aos miles de fieis e visitantes que durante os próximos días pasarán polo entorno con motivo das festas de Santa Rita.
Pese a que o colexio Filipense, como o Pazo e a Igrexa Convento de Vista Alegre, son propiedades privadas, esta non é a primeira colaboración do Concello co centro educativo a efectos de conseguir o borrado das pintadas, amosando así a sensibilidade do goberno local cara un elemento do patrimonio histórico e artístico local. De feito, o Concello xa se encargara de redactar o proxecto de limpeza e rehabilitación da fachada así como de facer as xestións pertinentes ante a dirección xeral de Patrimonio da Xunta para obter o preceptivo permiso deste órgano. O proxecto foi aprobado pola Comisión provincial de Patrimonio e a autorización emitida hai meses. Non obstante, ante a lentitude dos trámites co seguro da propietaria, o Concello decidiu tomar cartas para que a imaxe de Vilagarcía non se vexa danada dada a repercusión que as pintadas poderían ter nunhas datas na que Vista Alegre é frecuentada por milleiros de persoas e as festas transcenden a nivel galego debido á cobertura de diversos medios de comunicación.











