O goberno de Vilagarcía insta a PSOE, BNG e EU a que promovan no parlamento a reforma da lei de comercio de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Diante do anunciado compromiso dos grupos da oposición –PSOE, BNG e IU- de subscribir un manifesto no que presuntamente garantirán que se gobernan non permitirán a creación de máis áreas comerciais, o goberno local insta a estes tres grupos a que tamén se poñan de acordo para presentar no Parlamento de Galicia unha iniciativa para modificar a Lei de Comercio, “porque haberá que supoñer, seguindo o razoamento deses grupos, que o que é bo para Vilagarcía, tamén é bo para o resto das cidades da comunidade e, polo tanto, toda Galicia debería quedar libre da presenza de áreas comerciais”.

Por outra banda, o executivo de Tomás Fole estima que eses mesmos grupos deberían explicar aos comerciantes e veciños se, chegado o caso, estarían dispostos a adoptar decisións contrarias ao actual ordenamento urbanístico e comercial, ou mesmo se estarían pola labor de atrasar –”frear”, na súa terminoloxía- a tramitación dun expediente concreto, mentres que se aceleraría noutros.

Neste senso, o goberno local lembra aos grupos da oposición que a concesión de licenzas é unha actividade regrada e, polo tanto, que o solicitante teña dereito ou non a obter ese permiso non depende dunha interpretación política da norma. “Xa que tan clara teñan a súa proposta, no ‘manifesto’ debería figurar explícitamente qué artigos do Plan Xeral e da lexislación autonómica e estatal van aplicar para `frear’ eses proxectos, porque estamos seguros de que o primeiro compromiso de PSOE, BNG e IU é sempre cumprir coa lexislación vixente”.

En todo caso, e por último, cabe reiterar de novo que cando se trata de grandes superficies -aquelas que sobrepasan os 2.500 metros cadrados- as licenzas teñen que ser dobres, é dicir, ademais da autorización municipal –de ser o caso- deben contar coa da Xunta, en aplicación da Lei de Comercio. “Estamos tamén seguros de que o señor Fajardo, que di diferenciar a súa labor como concelleiro aquí e de parlamentario alá, saberá promover en Santiago un cambio lexislativo que ademais de favorecer aos comerciantes de Vilagarcía ‘beneficiará’ igualmente ao resto de cidades de Galicia”.

14 de maio de 2014 | 19:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.