publicidade hoxe

O goberno de Ferrol ten en marcha o 90% dos fondos europeos do Urban

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

O Concello de Ferrol ten en marcha –executados e/ou comprometidos- o 90% dos 10 millóns de euros dos fondos europeos recollidos no Programa Urban. Así o sinalou o concelleiro de Economía, Alejandro Langtry Caínzos, na comisión informativa da área celebrada esta mañá, que destacou o elevado nivel de desenvolvemento do Urban, que ao principio deste mandato se situaba soamente entorno ao 20%. “A finais desta anualidade de 2014 teremos adxudicado o 100% do Urban e executado aproximadamente o 75 – 80%, quedando unicamente un 20% para o vindeiro ano”, explicou o titular de Economía. Deste xeito, a Administración municipal cumprirá cos prazos fixados para completar o Urban, que ten como data límite de finalización o 31 de decembro de 2015.

Así mesmo, Langtry Caínzos explicou os axustes realizados nas partidas do programa europeo. As principais incorporacións aos fondos Urban son a recuperación dos baixos da Costa de Mella como Centro de Interpretación da Cidade Histórica –actuación proposta inicialmente no baluarte de San Xoán- en substitución da reforma do Cantón de Molíns, que se acometerá con fondos propios; a reurbanización da rúa do Sol e a rehabilitación do local veciñal de Ferrol Vello como centro cívico e de recursos veciñais, que asume a partida económica da casa natal de Carvalho Calero. Ao respecto deste último axuste, o responsable das políticas económicas do Concello sinalou que a dotación reservada no anterior mandato para a vivenda de Carvalho Calero non sería suficiente para convertela en centro veciñal debido ao estado en que se atopa o inmoble. Un estado ruinoso que motivou que o Concello levara a cabo neste cuadrienio varias intervencións de emerxencia para a consolidación do que queda levantado da construción.

“O Urban avanza con normalidade e o calendario de actuacións do programa se está a cumprir, incluíndo no mesmo actuacións moi significativas”, declarou Langtry Caínzos. Así o concelleiro ferrolán lembrou que nestes momentos están en proceso de contratación intervencións tan importante como a mellora integral da pavimentación e dos servizos da rúa do Sol –que suporá a eliminación do empedrado e a renovación da rede de abastecemento- a recuperación dos baixos da Costa de Mella e dos Xardíns de Herrera e o programa de rehabilitación de fachadas, que permitirá actuar no palco da música e ludoteca municipal do Cantón de Molíns, a Casas da Muller e a Peixería de Ucha no Mercado da Magdalena. Ademais, lembrou outras actuación significativas xa adxudicadas como o Centro Cívico, para Persoas Maiores e Atención á Infancia de Canido; a rúa Alegre; ou o plan de capatación de nova actividade e oferta comercial, entre outras.

13 de maio de 2014 | 20:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.