O goberno de Ferrol adxudica as obras de reurbanización da praza de Sartaña
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, anunciou hoxe a adxudicación das obras de reurbanización da praza de Sartaña, situada no barrio de Ultramar, por un importe total de 379.773,06 euros –o que supón un aforro para as arcas locais de 70.000 euros con respecto ao presuposto de licitación que ascendía a 447.318 euros- e un prazo de execución de seis meses, a contar a partir da firma do contrato e da acta de reformulo. A Xunta de Goberno Local deu esta mañá luz verde á contratación desta intervención moi demandada polos veciños/as de Ultramar e que forma parte do programa de cidade Ferrol 2020, ademais de acordar a resolución do contrato coa empresa que deixou sen executar a rehabilitación do local social de Ferrol Vello adxudicada no mandato anterior.
Rey Varela, acompañado da voceira do Goberno Municipal e do concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación –Martina Aneiros Barros e Guillermo Evia Pérez, respectivamente- detallou as principais característica que terá a nova praza de Sartaña que, tendo en contra o prazo de execución, será unha realidade este mesmo ano. Así, o primeiro edil da cidade sinalou que as obras “revalorizarán este entorno de Ultramar como espazo de encontro veciñal, con máis zonas verdes, espazo destinado para área de xogos infantís e mellora da pista polideportiva existente”. O rexedor municipal quixo recordar o estado en que se atopaba esta petición histórica do barrio de Ultramar ao principio do mandato: “Cando chegamos non había nin proxecto e, o máis importante, nin sequera tiñamos a disposición dos terreos para actuar polo que foi necesario chegar a un acordo coa empresa adxudicataria inicial”, explicou.
Por último, o primeiro edil ferrolán destacou que esta intervención forma parte do paquete de actuacións públicas que está a impulsar o seu executivo para a rexeneración urbana da cidade; e que suman un montante global de 10 millóns de euros. “As empresas teñen hoxe interese por traballar en Ferrol e cunha administración solvente que cumpre cos seus compromisos económicos”.
Centro Cívico de Ferrol Vello
No que atinxe á rescisión das obras do local social de Ferrol Vello, paralizadas dende o cuadrienio anterior, o alcalde explicou que tras un proceso longo e complicado “hoxe podemos anunciar a anulación do contrato que o Concello firmou en 2009 cunha empresa para a execución duns traballos que nunca se chegaron a levar a cabo pola desaparición de dita empresa”. A resolución desta relación entre a Administración municipal e a firma adxudicataria permite ao Goberno Municipal avanzar na recuperación real deste inmoble –situado na rúa Curro- como Centro Cívico de Ferrol Vello.
Ao respecto da situación que presenta nestes momentos a sede social da entidade veciñal do barrio, o titular de Urbanismo explicou que no anterior mandato apenas se executou o 5% dos traballos de rehabilitación comprometidos o que impide ceder a actuación a outra empresa para que continúe coa mesma ao non chegarse ao mínimo do 20% de execución que marca a normativa. Así mesmo, Evia Pérez sinalou que foi necesario redactar un novo proxecto de rehabilitación posto que o adxudicado polo anterior executivo local incumpría as condicións patrimoniais que esixe o BIC ao contemplar a alteración de volumes. A nova proposta de intervención feita polo actual Goberno Municipal de Rey Varela xa conta co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia; e o seguinte paso será licitala por un importe aproximado de 300.000 euros.
Policía Local
Por último, a Xunta de Goberno Local iniciou o procedemento de contratación de dous novos automóbiles –un todoterreo e un vehículo patrulla tipo monovolume- para a Policía Municipal, dentro do proceso de mellora de medios materiais e de renovación do parque móbil deste corpo municipal de seguridade. O presuposto de licitación ascende a 70.000 euros.











