O goberno da Laracha propón destinar os fondos do DTC-93 á mellora da rede viaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Concello da Laracha celebrará en próximas datas un Pleno extraordinario no que se tratará a proposta do goberno local para destinar os fondos do Plan DTC-93. Unha Deputación para todos os concellos. O asunto previamente será abordado polos tres grupos con representación na Corporación municipal na correspondente Comisión Informativa de Industria, Comercio, Urbanismo, Obras e Patrimonio

Con cargo a este programa que promove a Deputación Provincial da Coruña ao Concello da Laracha correspóndelle percibir 214.779,94 euros que, no caso de alcanzarse o acordo plenario, serían destinados integramente a melloras na rede viaria municipal para facilitar os accesos en diferentes estradas rurais.

Os proxectos deseñados polo goberno local afectan a un total de dezasete vías das parroquias de Montemaior, Soandres, Cabovilaño, Torás e Golmar. En concreto, as estradas que serían melloradas son:

– Montemaior: O Xestal-Bustes, A Ferreira-Trixezo, núcleo de O Sopé e núcleo de Adrán

– Soandres: O Campo-Silvoso-Portodoso, A Baiuca-A Torre-Bocixa, Senras-Encián-Boimir-Bouza-Currelos, Trixezo-O Pazo, acceso a Condesuso, e núcleos de O Toural e Vista Alegre.

– Golmar: San Cristovo-O Monte e acceso a A Fonteseca.

– Cabovilaño: núcleos de A Teixoeira, O Regado e O Cancelo.

– Torás: A Barreira-Riotorto-Mirón.

O mantemento en bo estado dos seiscentos quilómetros de estradas que forman a rede viaria municipal é prioritario para o goberno local, realizándose cada ano importantes investimentos tanto con fondos propios municipais como por medio de programas convocados desde outras administracións para facilitar os accesos rodados cara os máis de trescentos núcleos de poboación rural que existen no Concello da Laracha.

3 de maio de 2014 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.