O fundador e presidente do Grupo Academia Postal aconsella aos novos empresarios ourensáns
A formación permanente sexa cal for o sector ou actividade; apostar por persoais estables para xerar confianza no usuario, ou crear equipos motivados capaces de asumir novas situacións, foron a achega que Francisco Nóvoa fixo desde a súa experiencia aos novos empresarios que hoxe almorzaron con el.
Entre os consellos e o seu punto de vista sobre a situación da provincia, que describiu como esperanzadora a pesar de estar paralizada, transcorreu a reunión desta mañá. Os membros do Círculo de Novos Empresarios, presidido por Lois Babarro, pretenden que estas sesións sirvan para aprender de experiencias como esta, e de persoas cunha traxectoria empresarial consolidada que poidan trasladarlles suxestións para o día a día empresarial que eles están a comezar.
A de Francisco Nóvoa é unha historia de traballo constante, sacrificio e de ir sumando aos poucos. Así o confirma a historia do Grupo Academia Postal, do que é fundador e presidente, e que expuxo esta mañá aos novos empresarios que se reuniron con el para unha charla informal. Nóvoa relatou a traxectoria do grupo empresarial que preside, desde o primeiro local cunha traballadora (hoxe aínda en persoal) até a situación actual na que contan cunha rede de 14 centros de carácter familiar. Entre ambos, pasaron anos de traballo, e de entrega tanto ao campo da formación como aos empregados, xa que, segundo comenta Nóvoa ‘en ocasións dediquei máis tempo a tratar coa xente da empresa que coa miña propia familia’.
Nesta historia teñen cabida tamén outras cifras, como as 25.000 persoas que aprobaron o seu ingreso na administración formándose en Academia Postal; e outros fitos como a especialización das distintas empresas (oposicións, consultoría, idiomas, masters, apoio ao estudo, editorial…) ou a concesión fai 15 anos para a formación en exclusiva da multinacional Cisco Systems. Para lograr todo isto, Francisco Nóvoa asegurou haberse rodeado de excelentes profesionais, ao seu xuízo o máis importante e que hai que coidar no día a día da empresa, xa que, considera fundamental ‘crear un equipo que senta ben, a gusto e implicado co que fai’. E como noutros moitos sectores, a crise afectou tamén a Academia Postal, pero a pesar dos axustes conseguiron manter todas as empresas abertas.
Francisco Nóvoa, nomeado fai 4 anos fillo predilecto de Maceda, o seu municipio natal, destacou tamén polo seu compromiso social e o mecenado ao longo da súa traxectoria. Non en balde fundou e patrocinou o equipo de fútbol sala Academia Postal, e estivo sempre moi vinculado ao fomento do deporte base. En 2011 recibiu a Medalla ao Mérito Deportivo de Galicia.











