O festival PortAmérica regresa a Nigrán con artistas de renome como Vetusta Morla, Love of Lesbian e 2 Many Djs

Presentación do festival PortAmérica
PortAmérica Rías Baixas. Ese será a partir de agora a denominación do festival musical que nos dous últimos anos leva congregado a milleiros de persoas no concello de Nigrán e co que os seus organizadores –a empresa Esmerarte- pretende “vincular o certame a un territorio” e contribuír á difusión e consolidación da marca turística Rías Baixas.
Así o explicou o director de PortAmérica, Joaquín Martínez, na rolda de prensa de presentación do festival, que tivo lugar na Deputación de Pontevedra e na que participou a deputada Ana Isabel Vázquez Reboredo, e o alcalde de Nigrán, Alberto Valverde.
Precisamente, ese papel dinamizador das Rías Baixas foi o que destacou Vázquez Reboredo, que subliñou que se trata “dun evento que implica un notable beneficio para a provincia a curto, medio e longo prazo”.
Un beneficio que situou en 4 ámbitos diferentes: no estritamente cultural, porque do 17 ao 19 de xullo pasarán polos escenarios de PortAmérica artistas de primeiro nivel tanto de España como doutros puntos de Europa e América; de promoción turística en Europa e América, porque o festival “é unha fiestra aberta para amosar ao mundo o mellor das Rías Baixas”; como “trampolín da gastronomía das Rías Baixas”, xa que o festival inclúe unha área gastronómica con participación dos mellores chefs galegos e de América; e no ámbito da formación e emprego, porque inclúe unha bolsa de emprego para que os veciños e veciñas do Val Miñor desempregados poidan traballar na organización e desenvolvemento do festival e, como novidade, inclúe un curso de Creación musical e Music Business en colaboración coa Universidade de Santiago.
Cartel pechado
O director de PortAmérica anunciou que o cartel musical está xa pechado coa actuación confirmada de 2ManyDjs, Vetusta Morla, Love of Lesbian, The Jayhawks, Villanueva, Carlos Méndez e Belöp.
Eles súmanse a un elenco confirmado previamente e entre o que hai unha destacada presenza de artistas americanos.
Non podía faltar tampouco o valmiñorán máis internacional, Iván Ferreiro, que a través dun vídeo proxectado na rolda de prensa anunciu un concerto creado especialmente para PortAmérica e que, baixo o título Golpes Bajos, rebobine, por favor, ofrecerá un percorrido por todas as cancións de Golpes Bajos, acompañado de Pablo Novoa, Luis García, Amaro Ferreiro e Marta Toro.
Desta forma, o cartel do festival queda coa actuación de 2 ManyDjs (Bélxica), Iván Ferreiro, The Jayhawks (US), Sidonie, Triángulo de amor bizarro, Vega, Meneo (Guatemala), Villanueva e Carlos Méndez (Panamá), o xoves 17 de xullo; Vetusta Morla, Andrés Calamaro (Argentina), Calle 13 (Puerto Rico), Nikki Hill (US), Niños Mutantes, Novedades Carminha, Systema Solar (Colombia), Kostrok, Mitú (Colombia) e Yall, o venres 18; para rematar o sábado 19 de xullo con Love of Lesbian, Calexico (US), The Sonics (US), Nada Surf (US), El Columpio Asesino, Najwa Nimri, León Benavente, Natalia Lafourcade (México), Eme Dj, Full e Belöp.
Aboamentos e entradas á venda
Joaquín Martínez confirmou que a organización manterá o prezo dos aboamentos para os 3 días en 45 € máis gastos de distribución ata que se esgoten as próximas 2.000 unidades. Así mesmo, xa están a venda en Ticketea, Marca Entradas e Tickemaster as entradas por día, a 25 euros máis gastos.
Ademais, e como xa ven sendo habitual, PorAmérica ofrece tamén a posibilidade de que o festival sirva para pasar unhas pequenas vacacións nas Rías Baixas, para o que se habilitará unha zona de acampada. Por 20 €, os asistentes poderán instalarse durante 5 días en Porto do Molle, coas súas tendas, furgonetas ou caravanas.
Evento de transcendencia nacional e internacional
Tanto os organizadores como a Deputación e o Concello de Nigrán, como entidades patrocinadores, agardan que a edición de 2014 rebase amplamente o éxito acadado xa en 2012 e 2013, situando a Nigrán e á provincia de Pontevedra no “no mapa turístico dos eventos culturais a nivel internacional”, tal e como sinalou o rexedor local Alberto Valverde.
Valverde subliñou que, máis alá da relevancia musical e cultural propia do certame, PortAmérica xoga un papel fundamental “na proxección nacional e internacional” e contribúe á dinamización “turística, económica e social do concello” como o demostra o feito de que en 2013 máis de 19.000 persoas participasen no festival.
Na mesma liña se manifestou Ana Isabel Vázquez, que lembrou que aos datos de afluencia súmase “unha cobertura informativa de 80 medios de comunicación de diferentes países, deixou unha ocupación hostaleira do 100% no Val Miñor e máis de 1.500 persoas aloxadas no cámping do festival e que, polo tanto, consumiron nos comercios e establecementos da contorna”.
Así, animou a todos a acudir a Nigrán no mes de xullo porque “isto non é turismo para ver, é turismo para vivir e sentir”











