O espectáculo didáctico-musical Os Superhércules chega a Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioVerín
A-
A+

O xoves día 29 de maio, ás 11 horas, no Pavillón dos Deportes de Verín, Hércules Brass Quinteto de Metais presentará o seu espectáculo Os Superhércules. No acto, que está organizado polo Concello de Verín e patrocinado en conxunto coa Consellería de Cultura a través do programa Cultura no Camiño, participarán alumnos/as de primaria de diversos colexios da comarca de Verín.

Os Superhércules é un didáctico-musical en lingua galega de 50 minutos de duración, que conta a historia de cinco rapaces que xogaban placidamente na súa casa no ano 2268 e revolvendo no faiado atopan unha caixa misteriosa que cambiará as súas vidas, transformándoos en superheroes. Elixidos para a misión de recuperar os elementos que forman a música, os protagonistas viaxarán no espazo e no tempo, resolvendo conflitos de todo tipo co seu enxeño e o traballo en equipo.

No ano 2012, un grupo de novos profesionais do vento metal nas súas diferentes especialidades (trompeta, trompa, trombón e tuba) crearon na Coruña Hércules Brass Quinteto de Metais. En apenas un par de anos, o grupo obtivo o Primeiro Premio do “IV Concurso de Vent-Metall Valeriano Machi i Esparza”, en Benimodo (Valencia); foi finalista no “8th International Jan Koetsier Competition for Brass Quintet” celebrado en Munich e semifinalista no “8th International Chamber Music Competition” en Lyon (Francia).

Hércules Brass ten actuado en diversas cidades e vilas galegas, en Suíza, Francia e en diversas comunidades autónomas españolas, destacando a participación como solistas coa Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia. O interese do grupo en ampliar e dar a coñecer o repertorio para quinteto de metais faise patente no feito de que compositores galegos como Xoán Antón Vázquez, Fernando Arias, Luís Carro e Juan Durán lle teñan dedicado obras.

 Alejandro Vázquez, trompeta (Ourense, 1986); Víctor Vilariño, trompeta (Cirela, 1987); Javier González, trompa (A Golada [Pontevedra], 1987); Esteban Méndez, trombón (Meaño, 1989), e Rodrigo Rodríguez, tuba (Viveiro [Lugo], 1986), forman Hércules Brass Quinteto de Metais. Os compoñentes deste quinteto teñen unha longa traxectoria en común na “Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia”, na “Joven Orquesta Nacional de España” e no “Curso de Especialización de Música de cámara” na Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago de Compostela.

27 de maio de 2014 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.