O espectáculo de narración Da Muller Uva ó Cabaleiro Mencía chega a Monforte
Este xoves día 22 de maio desenvolverase unha nova actividade incluída na programación do Día das Letras Galegas. Trátase do espectáculo de narración oral “Historias do Viño: da Muller Uva ó Cabaleiro Mencía”.
Este espectáculo correrá a cargo de Lois Pérez e levarase a cabo no Centro do Viño ás oito do serán, con entrada libre e gratuíta.
Lois Pérez é narrador oral e contador de historias, un crooner rural con certo atractivo.
Foi futbolista profesional, soldador, pintor (de paredes), e mestre. Comezou a escribir historias de pequeno e despois para o programa de Quico Cadaval na Radio Galega “A boca da noite”. Gañou o Premio da Audiencia do II Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico da Radio Galega, editado por Xerais en libro-cd, pola súa obra Saltimbanqui, interpretada polo propio Cadaval, Xan Cejudo e Xosé Olveira “Pico”.
Como dramaturgo colabora con el mesmo e co colectivo teatral Pinchacarneiro da Fundación Anade, para persoas con diversidade funcional.
A narración que nos ofrecerá en Monforte, dentro do apartado Letras e Viño do programa de actividades do Día das Letras Galegas, é un percorrido literario e sentimental polos contos e historias en que o viño é quen toma as decisións. A beleza, o medo, o amor, a morte.
O viño, sexa un Mencía ou un Godello sexa de Chantada ou de Monforte, non naceu para ser contado: naceu para ser bebido. E precisamente o único que supera a ledicia do bebedor é a ledicia do propio caldo alcohólico ó cabalgar pola gorxa abaixo de quen o bebe. Ou polo menos iso dicía Baudelaire. Un vaso de viño facilita a dixestión e axuda a se repoñer das anemias; dous erguen o espírito e con máis de tres, lume a feito.
O viño é unha forma de vida (e unha forma bebida), e tamén a mellor forma da vide, que xa coa súa feitura parece dicir que a terra estivo inspirada. Beber ou non beber? Esa é a cuestión. Pero a polémica vén de lonxe: xa na Grecia antiga se discutía se conviña beber para que as musas voasen máis baixo. Dicía San Paulo que o viño é obra de Deus e a bebedeira obra dos homes.











