O Espazo Fortaleza de Tomiño é finalista do premio de arquitectura Enor con outras 19 obras de España e Portugal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaTomiño
A-
A+

O Proxecto de recuperación ambiental e posta en valor do entorno da fortaleza e praia fluvial de Goián (Tomiño. Pontevedra), do arquitecto Pablo Gallego Picard, vén de ser elixida finalista do prestixioso VI Premio de Arquitectura Ascensores Enor.

O proxecto coñecido coma “Espazo Fortaleza”, de Goián, foi primeiramente seleccionado entre 305 obras de España e Portugal, resultando elixido finalista antonte, nunha segunda fase, xunto a outras 19 obras, candidatas a ser recoñecidas co Gran Premio Enor e co Premio Enor de Arquitectura Joven.

O xurado, formado por Eduardo Souto de Moura (presidente), Carlos Quintáns Eiras (secretario), Juan Domingo Santos (Gran Premio Enor 2011), Fredy Massad, Luís Martínez Santa-María e Juan Creus, quixo recoñecer a calidade arquitectónica das obras finalistas, pero tamén a preocupación dos seus promotores por revalorizar os espazos públicos.

No mes de novembro, terá lugar en Vigo, unha gala na cal presentaranse os 20 proxectos finalistas e anunciarase en directo o fallo do xurado coas obras premiadas, e no mesmo acto terá lugar a presentación do libro da “VI edición de los Premios Enor”, coas 20 obras finalistas.

Entre as obras seleccionadas finalistas, atópanse proxectos de grande envergadura de toda a Península, tales coma a ampliación da facultade de bioloxía celular e xenética da Universidade de Alcalá de Henares (Madrid), a Biblioteca Pública de Ceuta, Museu de Arte de Vila Nova de Foz Côa (Portugal), ou a Remodelação Xeral do Edifício sede do Banco de Portugal (Lisboa).

O presidente do xurado deste premio, Eduardo Souto de Moura, é un recoñecido arquitecto luso que ten no seu haber o Premio Pritzker 2011, o máis prestixioso de cuantos se conceden á traxectoria dun arquitecto (concedido pola fundación norteamericana “Hyatt”) A este profesional pertencen proxectos tan importantes coma os de o estadio e mercado municipais de Braga, Metro de Oporto (Estación Casa de Música) e responsable da intervención levada a cabo na fortaleza de Valença do Minho.

Este é o cuarto recoñecemento que recibe o Espazo Fortaleza, despois de que fora seleccionado nos certames XII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo, Premios Lamp Lighting Solutions, e Premios FAD de Arquitectura, na categoría de Cidade e Paisaxe, na que competiu xunto a outras 400 de España e Portugal.

O concelleiro de Urbanismo do Concello de Tomiño, Uxío Benítez, amosou a súa satisfacción tras coñecer a decisión do xurado. “Con esta obra estamos a conseguir situar a Tomiño coma referencia no impulso da recuperación de espazos públicos”, explicou.

O tamén tenente de alcalde, considera que esta nova distinción “vén a reafirmar a labor do goberno local para por en valor o patrimonio natural e histórico do municipio, con propostas estratéxicas para resaltar valores que nos distinguen coma concello: o río Miño, as fortalezas e o feito transfronteirizo”.

 

22 de maio de 2014 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.