O Duatlón coordinase co Pontevedra para o partido da fase de ascenso
O Concello de Pontevedra mantivo esta mañá unha reunión cos representantes do Pontevedra Club de Fútbol para determinar o operativo de tráfico para a celebración do partido de ida da segunda eliminatoria da fase de ascenso á Segunda B do club de fútbol da cidade, xa que coincide coas últimas probas do Campionato do Mundo de Duatlón.
Unha vez decidido que o partido se celebrará este domingo ás 20.00 horas, a Policía Local acordou que era o mellor horario xa que coincide co remate das últimas probas do Mundial, e hai varias horas de marxe para o inicio do concerto da Orquestra Panorama, que se non chove, será a explanada do Pazo da Cultura.
A Policía Local garante os acceso ao estadio de Pasarón a deportistas e ás televisións que quixeran retransmitir o partido –no caso de darse esa posibilidade-, así como a todos os siareiros, dado que quedarán expeditos de tráfico todos os espazos que horas antes ocupará o Duatlón.
No caso de demorarse algunha proba do Mundial, a Policía xa ten previsto un plan de tráfico específico para garantir os accesos a Pasarón, especialmente aos deportistas que acuden ao campo como hora e media antes do encontro.
Os voluntarios comezan a recoller a equipación para o Mundial do Duatlón
Por outra banda, a Oficina Municipal de Voluntariado para o Campionato do Mundo de Duatlón está a rematar o traballo de formación dos máis de 500 voluntarios que participan dende mañá a até o vindeiro domingo, 1 de xuño, na organización do Campionato do Mundo de Duatlón.
Esta mañá, os técnicos da Oficina realizaron o curso de formación obrigatoria no Centro Penitenciario de A Lama, xa que doce internos acompañados de 3 funcionarios participarán esta fin de semana (nas dúas xornadas) nos equipos de voluntariado.
Os técnicos trasladaranse o xoves até as instalacións da Brilat para continuar coa formación dos 150 militares que participarán como voluntarios, así como até a Escola Naval para dar a mesma formación a 17 militares. O Campionato do Mundo de Duatlón xa está en marcha. De feito, dende mañá pola mañá a Secretaría do Campionato así como os puntos de información situados no Pazo da Cultura xa estarán atendidos, ademais de por membros da organización, por voluntarios.
Mañá pola tarde abre o Sport Info Center, no Pazo da Cultura, onde os voluntarios poderán pasar a recoller, até o venres en horario de mañá e tarde, a súa equipación: dúas camisetas, unha sudadeira, 1 chuvasqueiro, 1 gorra e unha bolsa para a manutención, ademais das acreditacións.











