O deporte galego faise con catorce medallas no Open de España de Técnica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

A selección galega de técnica logrou un total de 14 medallas (4 ouros, 3 pratas e 7 bronces) no Open de España de técnica, que se celebrou hoxe en Castellón con case trescentos participantes. Na clasificación xeral por equipos, Galicia acadou a medalla de bronce, por detrás de Madrid (ouro) e Valencia (prata). Sábado e domingo celebraranse a modalidade de combate nas categorías cadete, júnior e sénior. Este Open está recoñecido pola Federación Mundial como proba da categoría G1, polo que outorga puntos para o ranking mundial.

Os catro ouros foron para Gabriel Tembrás (cadete), trío cadete Encarna Quintela (máster 4) e Beatriz Queiro (máster 2). Por un lado, o futuro representado por Gabriel Tembrás, que a pesar da súa curta idade colecciona medallas tanto a nivel estatal coma internacional, e amosa unhas condicións extraordinarias para a práctica tanto de técnica coma de free-style. Ademais do trío cadete -formado por Ángel López, Yago Pita e Adrián Ventín- tamén logrou o primeiro posto. E por outro, as veteranas Encarna e Beatriz, que representan o amor por este deporte.

As pratas son para Samuel Meilán (sénior 1), equipo feminino 1 e trío júnior feminino. Samuel regresaba á competición despois de tres anos de ausencia e fixoo co segundo posto no Campionato de España.

O equipo feminino -formado por Silvia Queiro, María de Oya e Natalia Rodríguez- tiña a complicada tarefa de substituír ao trío do pasado ano, que fora campión de España e bronce europeo con Nerea Alamancos, Isabel Simón e Alba Castro. Pero as galegas fixeron un grandísimo campionato e lograron a medalla de prata. E por último, destacar a segunda posición do trío júnior feminino (Nazaret Licer,
Sara Cortegoso e María Peón).

A colleita de preseas complétase cos sete bronces (seis para a selección galega e un para o club Patiño). Na categoría de equipos cadete femininos houbo dous bronces: Un para a selección galega (Bárbara Di Martino, Nerea Budiño e Gorety Paz) e outro para o equipo do Patiño (con Marta Abalde, Lucía Santomé e Raquel Costa). Ademais, houbo outro bronce cadete, en parellas (Lucía Penín e Gabriel Tembrás). A parella júnior formada por Marcos Silva e Nazaret Licer acadaron a terceira posición na súa categoría, igual que a parella 2 (Bea Queiro e Alejandro González). E por último, sinalar as medallas do trío masculino formado por Alejandro Losada, Samuel Meilán e Allán Guagua, e a de Noelia Pérez en sénior 2 feminino.

Combate. O sábado 17 de maio será a quenda para os cadetes e júnior de combate, mentres que o domingo 18 competirán os sénior. Na especialidade de combate hai 1.129 inscritos en total, dos cales máis de cen serán galegos. Galicia presenta unha selección moi competitiva, aínda que o nivel que se atoparán en Castellón fará que sexa moi complexo acadar unha medalla. O pasado ano, Katia Calvar sorprendeu a todos cun torneo espectacular no que acadou a medalla de ouro, mentres que Lara Ouviña foi bronce.

Nas categorías inferiores, en 2013 houbo tres medallas para os cadetes (Miguel Orro, Ainoa Boubeta e Pilar Rodríguez foron bronce) e 5 para os xúniors (Xián Silva foi prata, e catro bronces para Ruth Tilve, Miriam García, Sabela López e Miguel Cobas). Ademais, hai que destacar a medalla de bronce do cadete Gabriel Tembrás na modalidade de técnica.

16 de maio de 2014 | 21:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.