O departamento de obras substitúe 14 metros da rede de saneamento na rúa Ramón Cabanillas
A Concellería de Obras decidiu substituír 14 metros da rede de saneamento na rúa Ramón Cabanillas despois de detectar a rotura da canalización en tres puntos diferentes deste tramo. Os traballos serán aproveitados para renovar tamén a rede de abastecemento de auga por parte. A concelleira, Ana Granja, comentou que se traballará en xornada de mañá e tarde para poder ter as obras rematadas mañá co obxecto de asfaltar o venres.
O departamento de Obras leva traballando na Rúa Ramón Cabanillas dende o luns, cando o afloramento de augas residuais puxo de manifesto a existencia dunha avaría na rede. Para localizar o orixe do problema foi preciso realizar tres catas, coas que se comprobou que existían outras tantas roturas ou fisuras na rede. Ante esta situación, optouse por levantar todo o tramo, duns 14 metros de lonxitude, para substituír toda a canalización. Estes traballos lévaos a cabo persoal de Obras pola mañá e a brigada de tarde en horario vespertino co obxecto de poder devolver o servizo e restituír á normalidade na vía coa maior brevidade posible.
Para mellorar o servizo de saneamento, aproveitaranse os traballos para construír dous novos pozos de rexistro.
Para evitar estar levantando a rúa cada pouco tempo, a zanxa aberta para arranxar a rede se saneamento será aproveitada por Espina e Delfín para renovar tamén as conducións de abastecemento de auga potable que discorren por ese mesmo tramo.











