O departamento de cultura de Vilagarcía traslada a recintos cubertos varios actos das festas de Santa Rita
A previsión de choivas para os vindeiros días fixo que a Concellería de Cultura optase por trasladar a recintos cubertos algúns dos actos das festas de Santa Rita que estaba previsto celebrar ao aire libre. O departamento que dirixe Rocío Llovo mantivo esta mañá unha reunión cos responsables de diversos servizos para reorganizar o programa a efectos de asegurar que os veciños poidan gozar das celebracións independentemente do tempo. Os cambios foron acordados cos colectivos e grupos que participan nos eventos.
O Festival Folclórico previsto para mañá mércores no Parque da Xunqueira celebrarase finalmente o mesmo día á mesma hora (ás 21:30 horas) pero será na Praza da Peixería. Neste espectáculo interveñen os grupos da Asociación Cultural e Deportiva Fontefría de Guillán, o Grupo de Danza Embruxo e o grupo de gaitas Alecrín.
O concerto do Grupo Retro Rock do venres 23 trasládase ao Auditorio Municipal onde comezará ás 23:00 horas.
En canto ás actividades para os nenos programadas para o venres e sábado pola tarde, en principio manterase o seu emprazamento inicial na Praza de Galicia en espera de ver a evolución do tempo. Non obstante, advírtese xa que de chover, ámbalas dúas actuacións serán na Praza da Peixería mantendo o horario.











