O creador da Terapia Morfoanalítica participará nunha conferencia en Santiago
Serge Peyrot, francés formado en fisioterapia e psicanálise que en 1985 creou a Terapia Morfoanalítica, visitará Galicia a próxima fin de semana a fin de pronunciar unha conferencia e dirixir un taller sobre este cadro terapéutico psico-corporal, que aínda é descoñecido para moitos, a pesar de España e Galicia estaren entre os lugares en que se encontra máis fortemente enraizado.
Ambos os eventos, abertos a todo o público interesado, terán lugar no Centro Don Bosco de Santiago de Compostela (Rúa Belvís, 2). A conferencia, titulada O reequilibrio da postura abre as portas da historia emocional, será o venres a partir das 20h. O taller, que se desenvolverá entre o sábado e o domingo, proporá ás persoas participantes coñecerse mellor a si mesmas e crecer persoalmente coa posta en práctica de exercicios simples que fan parte do método da Terapia Morfoanalítica.
A visita de Serge Peyrot a Galicia encádrase nun conxunto de actividades que a Asociación Española de Terapeutas Morfoanalistas está a desenvolver a nivel estatal, e teñen por obxectivo dála a coñecer de cara á abertura, en 2015, dun novo período de formación para persoas interesadas en converterse en Terapeutas Morfoanalistas; o décimo en España desde a creación do cadro terapéutico, que tamén está firmemente asentado no Brasil e Francia.
En 2015 Galicia converterase na capital internacional da Terapia Morfoanalítica
A cidade de Pontevedra acollerá, do 19 ao 22 de xuño de 2015, o V Congreso Internacional da Terapia Morfoanalítica, baixo o título O poder creativo do corpo. Un evento que contará coa participación de profesionais da saúde, de diferentes campos, de recoñecido prestixio e procedentes de diversos países.
A historia da Terapia Morfoanalítica
Da Fisioterapia clásica á Fisioterapia global. Doutor, por que non acaba de desaparecer esta molestia?
O creador da Terapia Morfoanalítica, o fisioterapeuta e psicanalista francés Serge Peyrot, comezou a tratar pacientes como fisioterapeuta clásico: isto é, abordando problemas corporais con accións centradas nas rexións onde se localizaba o malestar. Após varios anos de exercicio, Serge Peyrot constatou que as problemáticas que aliviaba cos seus tratamentos volvían, en moitos casos, a manifestarse co paso do tempo, deducindo que o tratamento non era suficientemente completo.
Isto levou a Serge a acudir á tamén fisioterapeuta François Mézières, que entendía o corpo como un todo que non pode ser abordado como un conxunto de compartimentos estanco se se queren encontrar solucións duradeiras ás patoloxías físicas. Cada músculo está estreitamente ligado a outros, formando cadeas musculares. Unha tensión nun músculo afecta a unha cadea muscular completa, que á súa vez, afectará a outras cadeas musculares e á propia estrutura ósea do individuo, repercutindo na súa postura cuxa análise, por tanto, tamén debe incluírse no traballo terapéutico.
Da Fisioterapia á Terapia Morfoanalítica. A persoa é corpo e é mente a un tempo!
Serge utilizou a metodoloxía de Mézières entre os anos 1979 e 1985, tratando unha grande cantidade e diversidade de pacientes. Durante estes anos encontrou que, en moitos casos, a liberación de tensións corporais ía acompañada da manifestación de emocións: persoas que durante a sesión non podían evitar a risa, o choro, a angustia, o enfado… Onde Mézières vira unha reacción de tipo histérico, que non cabía abordar, Serge encontrou unha ligazón profunda e inseparable entre a psique e o corpo: a maior parte dos problemas corporais teñen unha orixe psicolóxica que ha de ser incluída no cadro terapéutico se se quere encontrar unha solución definitiva. Por outro lado, o corpo é unha chave para acceder ao inconsciente da persoa, de modo sutil e non verbal e, por iso, con alta eficacia e profundidade.
Para acoller e analizar a dimensión psíquica que aparecía nas sesións terapéuticas, Serge recorreu á súa formación como psicanalista, adquirida da man do psicanalista e psiquiatra suízo Jean Sarkissoff. Agora Serge podía acompañar o paciente na comprensión das emocións que eran liberadas nas sesións, facéndoas pasar da inconsciencia á consciencia e conseguindo, así, a súa reparación.
Serge Peyrot sistematizou os seus coñecementos teóricos e experiencias nun novo cadro terapéutico que comeza a aplicar aos seus pacientes en 1985. Naceu a Terapia Morfoanalítica.
O colofón: unha metodoloxía versátil e viva.
Ao contar con ferramentas para abordar tanto a dimensión psíquica como a física do individuo, o Morfoanalista é un terapeuta con grande capacidade de adaptarse aos ritmos e necesidades de cada paciente en cada momento.
Esta mesma versatilidade e a propia historia da TM, fortemente ligada á praxe, determinan que o cadro terapéutico sexa particularmente vivo, en constante evolución.
A metodoloxía da Terapia Morfoanalítica
Para a TM corpo e mente son dúas caras da mesma moeda: o Ser. As dúas conteñen a mesma memoria corporal-emocional vivida desde que o bebé está no útero materno até o momento presente.
Con traballos posturais, de estiramentos, masaxe e un acompañamento respectuoso e empático, o terapeuta consegue que o corpo se vaia liberando das máis intensas e antigas tensións acumuladas no corpo liberándose, con elas, as tensións psíquicas asociadas, que moitas veces eran inaccesibles e incomprensibles para o paciente, por estaren na súa mente inconsciente.
Pouco a pouco, o terapeuta axuda o paciente a pór palabras a esas tensións liberadas, pasando así a seren conscientes, producíndose un efecto reparador e desbloqueador tanto da parte da mente como do corpo que albergaban esas tensións.
A TM propón, pois, un traballo á vez físico e psíquico que permite á persoa tomar plena consciencia de si mesma, recuperando espazos eivados a custo dun importante investimento de enerxía que agora poderá ser investida de modo máis proveitoso.
“Respectar o ritmo do paciente e estar ao seu lado sen xuízo producía un aumento das tales manifestacións [emocionais]. Parecía como se os pacientes entenderan que estaban “autorizados” a vivir eses momentos. Pouco a pouco as manifestacións emocionais reveláronse como a expresión de antigos traumas que dalgunha forma estaban gardados no corpo en forma de tensións musculares.
Este traballo global conseguía liberar ao tempo as crispacións musculares e o contido emocional que as causara!”.
Serge Peyrot
Para quen é a Terapia Morfoanalítica?
A TM está indicada para persoas:
– Con malestares que se manifestan a nivel físico: problemas óseos, musculares, orgánicos ou enfermidades que resultan recorrentes ou persistentes.
– Con problemas de tipo psíquico, que se manifestan en forma de depresión, ansiedade, angustia, insomnio, etc.
– Con interese no crecemento persoal, no coñecemento propio a un nivel profundo.
– En período de xestación e que queiran un acompañamento psicocorporal que lles permita dar a luz en condicións corporais e psicoafectivas óptimas.
Terapeutas Morfoanalistas: o quen e o onde
As e os Terapeutas Morfoanalistas son formados durante períodos mínimos de catro anos, en que reciben os necesarios coñecementos teórico-prácticos no cadro terapéutico. Ademais, han de completar, como pacientes, un tratamento completo con terapeutas experimentados.
Na actualidade, a Terapia Morfoanalítica está presente no Brasil, España e Francia.











