O conselleiro de Cultura recibe os participantes da visita institucional Galicia-Lituania

Xesús Vázquez Abad recibe aos participantes da visita Galicia-Lituania. Foto: X. Crespo
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, recibiu esta mañá na sala B da área de Educación da Consellería os 14 participantes da visita institucional Galicia-Lithuania.
Persoal do Ministerio de Educación e Ciencias de Lituania está a facer visitas a diversos países para a análise dos seus sistemas educativos e formación do profesorado. En España, a través do Consulado, fixouse Galicia como destino da visita.
A Consellería de Cultura e Educación, por medio do CAFI, organizou un programa de tres días de duración, que comeza hoxe e rematará o xoves 29 de maio, no que os participantes poderán tomar contacto cos distintos niveis formativos. Visitarán un amplo abano de centros nos que se desenvolven os diferentes graos instrutivos e nos que na medida do posible, contarán con profesores de prácticas para que poidan preguntarlle as súas dúbidas.
Concretamente para a delegación lituana teñen programada a visita ás Facultades de Educación das Universidades de Santiago e Vigo, e aos centros de ensino compostelán: CEIP Pio XII; IES Xelmirez II e Sar; CIFP Politécnico e a Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo. O programa completarase con conferencias, que se impartirán no Centro Autonómico de Formación e Innovación, sobre sistema educativo en Galicia; o acceso a función docente no ensino público e a formación permanente do profesorado. Ademais na visita terán incluídas visitas á Cidade da Cultura e á Catedral de Santiago, así como un percorrido polo casco antigo de Pontevedra.











