O Congreso Europeo de Turismo Industrial de Ferrol incluirá visitas a Navantia, Exponav, Reganosa, Inditex e Sargadelos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendario
A-
A+

O programa do V Congreso Europeo de Turismo Industrial- III Crossroads of Europe que se celebrará en Ferrol entre o 17 e o 20 de xuño e que conta xa con máis de 180 inscritos está xa definido.

Os integrantes dos comités organizador e científico deste importante evento internacional pecharon esta semana o programa definitivo da cita que converterá a Ferrol en referencia europea do turismo industrial e cultural.

Ademais de asistir aos diferentes relatorios, que reunirán a 56 expertos procedentes de toda Europa, os inscritos no Congreso terán a posibilidade de tomar parte nunha serie de actividades que forman parte do programa e que inclúen, entre outras moitas opcións, visitas ao interior de empresas como Navantia, a planta de Reganosa en Mugardos, a nave de Inditex no polígono arteixán de Sabón ou a fábrica de Sargadelos.

Dentro do plan de visitas industriais e turísticas, ofértase tamén un paseo polas Meninas de Canido, a Ruta do Modernismo, a entrada no Arsenal Militar e no museo de Exponav ou un paseo pola ría de Ferrol até o castelo de San Felipe.

O presidente da Deputación, Diego Calvo, acompañado pola concelleira de Turismo de Ferrol, María del Carmen García Fraga, destacou esta mañá a calidade do programa tanto de conferencias como de mesas de traballo que se elaborou, pois, segundo apuntou Diego Calvo, “reunirá durante catro días na cidade aos maiores expertos en turismo de toda Europa”. Pola súa banda, María del Carmen García Fraga lembrou que “os relatores proceden de mercados crave para nosa provincia”.

Vídeo inédito

Calvo anunciou, ademais, que durante a inauguración do Congreso proxectarase un vídeo, cedido polo CGAI para a ocasión e inédito até o momento, que recolle a botadura, no ano 1913, dun acoirazado amadrinado por Réinaa Vitoria Eugenia.

Do mesmo xeito, confirmou que a xornada inaugural, na que estará presente o comisario Antonio Tajani e o presidente Alberto Núñez Feijoo, contará coa participación de Brian Simpson, membro do Parlamento Europeo e Presidente do Comité de Transportes, relator de prestixio designado pola Comisión Europea. Nesta mesma xornada, a directora para Europa da Organización Mundial de Turismo, Isabel Garaña, ofrecerá un discurso sobre a importancia da promoción e difusión de rutas culturais e industriais como alternativas ao turismo tradicional.

Comité de Honra

A presentación destes expertos estará apoiada pola presenza de varios membros do comité de honra, presidido polo Príncipe de Asturias, e no que tamén figuran Mariano Rajoy, Antonio Tajani (vicepresidente da Comisión Europea); Alberto Núñez Feijoo; José Manuel Soria (ministro de Industria, Enerxía e Turismo); Taleb Rifai (secretario xeral da OMT); Xosé Luís Armesto (Reitor da UDC); José Manuel Rei Varela (alcalde de Ferrol); Manuel Garat Caramé (almirante xefe do Arsenal); Carlos Negreira (alcalde da Coruña); Anxo Currás (alcalde de Santiago); Mª Anxos Martínez (presidenta da Cámara de Comercio de Toledo); André Marcón (titular das cámaras francesas); e Samuel Juárez (delegado do Goberno en Galicia).

Relatorios

Ao longo dos relatorios e mesas de traballo, diferentes autoridades, representantes de institucións públicas, académicos e traballadores en empresas privadas relacionadas co patrimonio industrial e cultural europeo ofrecerán as claves para a posta en marcha dun plan de turismo alternativo na provincia. “Imos coñecer casos de éxito e experiencias positivas que nos axudarán a aprender”, declarou a portavoz de Ferrol.

O programa do Congreso, segundo explicou Calvo, é “equilibrado e deseñado para dar voz a todos aqueles actores craves para o correcto desenvolvemento dun proxecto relacionado co turismo industrial e cultural”.

Bloques temáticos

Neste sentido, Calvo indicou os asuntos ao redor dos cales virarán os paneis de expertos: “O turismo industrial e o mar”, “o turismo como motor do cambio industrial” e “o patrimonio industrial e o turismo: unha visión do futuro”.

Os temas a debater nas mesas de traballo do día 19 serán variados e irán desde a “imaxe, promoción e comercialización de destinos turísticos”, até a “revalorización da paisaxe industrial”, pasando pola importancia da formación neste segmento. Non faltarán tampouco relatorios cun matiz máis administrativo, como a mesa dedicada ao financiamento e programas estratéxicos da UE con respecto a este tipo de turismo ou a planificación e xestión dos proxectos de turismo industrial.

O presidente da Deputación da Coruña lembrou que o Congreso de Turismo Industrial e o Crossroads constitúen unha cita moi importante para a provincia, para Galicia e para Ferrol, como cidade anfitrioa. “Unha oportunidade única”, sinalou, de “vender a nosa oferta turística, cultural e industrial nun foro internacional, e tamén de aproveitar as vantaxes que nos pode reportar”.

Catro sedes

As sedes do congreso serán o Teatro Jofre, Exponav, a Universidade e a Fundación Novacaixagalicia, onde se celebrarán os relatorios, mesas de traballo, talleres e outras actividades. Así mesmo, durante os días de congreso, a Fundación acollerá unha exposición cos asuntos a tratar durante o Crossroads e que mostrará diferentes itinerarios culturais europeos. Ademais, exhibiranse exemplos de Turismo Industrial activos noutras comunidades e realizarase un percorrido polos principais recursos industriais e culturais de Galicia.

Durante as súas reunións, os comités tamén valoraron positivamente as xa máis de 180 inscricións recibidas até a data, con persoas procedentes de máis de quince países.

Inscricións

A inscrición ao Congreso é gratuíta e os interesados en asistir poden rexistrarse na web http://www.europeanindustrialtourism.com/

Tamén permanece aberto o prazo para apuntase na sesión de traballo que se celebrará, no marco do Crossroads of Europe, nas instalacións do campus universitario de Ferrol o venres 20 de xuño, xornada pensada para que os interesados poidan establecer contactos comerciais. A inscrición segue aberta até o 20 de maio en turismoindustrialnetworking@gmail.com

14 de maio de 2014 | 13:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.