O concello do Carballiño contará cun grupo de emerxencias municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Carballiño
A-
A+

O concello do Carballiño contará cun grupo de emerxencias municipal, composto por 12 operarios, algo que nunca tivera este concello. Así o comunicou o alcalde da vila do Arenteiro Argimiro Marnotes ao resto de alcaldes da comarca, nunha reunión mantida na consistorial carballiñés, este martes 27 de maio.

Esta creación do grupo municipal de emerxencias xorde tras a aprobación no parlamento galego do proxecto de lei de medidas urxentes derivadas da entrada en vigor da lei 27/2013. Neste proxecto de lei desbloquéase o marco de competencias que poden desenvolver os concellos, e no mesmo recóllese que todo concello que tivese unha actividade e poida seguir desenvolvéndoa sen prexuízo da súa economía, poderán mantela.

Segundo sinalaba Marnotes isto é o que ocorría no Carballiño cos servizos de emerxencias. Desde o ano 1992 O Carballiño contou cunha agrupación de voluntarios de Protección Civil, posteriormente a Xunta de Galicia subvencionou a formación dos grupos de intervención rápida, até o pasado ano. O alcalde, consciente de que O Carballiño non podía quedar sen este servizo dos grupos de emerxencias, concluíu a posibilidade de incluír a este grupo dentro da organigrama municipal, algo que nunca tivera este concello.

Así mesmo Marnotes sinalaba que non suporá ningún problema para os orzamentos municipais.

Este grupo actuará en todo o municipio do Carballiño, e Marnotes fixo saber ao resto de alcaldes da comarca que agora o que hai que buscar é a forma de conveniar o servizo deste grupo de emerxencias neses concellos. As posibilidades que se barallan son as fixar unha achega de cada un do resto de concellos baseada no número de habitantes de cada un, ou ben cobrar por cada servizo que este grupo de emerxencias realice neses municipios.

A posta en marcha deste novo grupo de emerxencias municipal do Carballiño non depende en ningún momento do inicio da actividade no parque de bombeiros, xa que as actuacións deste grupo non serían as mesmas que as propias do parque intercomarcal.

27 de maio de 2014 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.