O Concello de Pontevedra acada un acordo coa Xunta para executar as obras de saneamento do río Gafos
A Comisión de Seguimento do Convenio para a execución de obras de infraestruturas hidráulicas en parroquias do Concello de Pontevedra reuniuse esta mañá en Santiago para abordar dúas cuestións principais: a firma da addenda ao convenio que permitirá a Augas de Galicia investir a cantidade non executada do mesmo, e que ascende a mais de 1 millón de euros, e avaliar a proposta de saneamento para o río Gafos, posto que é a única actuación prevista no acordo que a día de hoxe aínda non se executou.
En canto á necesidade de aumentar o prazo do convenio para a execución das obras, acordouse iniciar a súa tramitación administrativa, de modo que se estenda a vixencia do convenio para permitir a execución das obras. Para que isto sexa posible o concello, tal e como se reflicte no convenio, redactará e entregará a Augas de Galicia o proxecto construtivo para o saneamento do río Gafos. Na reunión confirmouse o acordo técnico con respecto á proposta municipal, acordándose que se traballará no colector do río Gafos, a partir da estación de autobuses cara a augas arriba.
O obxectivo da Xunta é licitar as obras dentro deste mesmo ano para sexa posible executalas integramente no 2015 e así cumprir cos prazos previstos para os fondos europeos destinados á obra.











