O Concello de Ponte Caldelas e Coempo colaboran para dinamizar o comercio local

Sinatura do convenio con Coempo
O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, e a presidenta da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Ponte Caldelas (COEMPO), Gloria Suárez Rodríguez, asinaron un convenio mediante o cal o Concello destina unha subvención de carácter nominativo a esta entidade para a organización da Feira de Oportunidades e a promoción turística e do comercio local, enmarcada dentro das accións de desenvolvemento económico do municipio.
Segundo o alcalde Perfecto Rodríguez, a firma deste convenio é a plasmación práctica do apoio que destina o Concello ao comercio local ás actividades de dinamización económica que desde COEMPO vén realizando e que van orientadas a mitigar os graves prexuízos que a crise económica están a provocar aos establecementos do municipio.
A Feira de Oportunidades, organizada por COEMPO, está a converterse en cita obrigada para os consumidores non só de Ponte Caldelas senón de municipios limítrofes que aproveitan a súa celebración para conseguir produtos de alta calidade a un prezo razoable.
Así mesmo, COEMPO coa súa actividade contribúe a fomentar a promoción turística do municipio servindo as súas iniciativas de escaparate comercial e polo de atracción de visitantes que aproveitan a súa estancia en Ponte Caldelas para realizar as súas compras e coñecer a rica e variada gastronomía local, así como a beleza das paisaxes e a contorna do río Verdugo.
O Concello de Ponte Caldelas e COEMPO manteñen unha fluída relación e contactos periódicos a través da Mesa Local de Comercio onde se analizan diversas propostas e solicitudes do sector. Así, recentemente, o alcalde e o delegado da Xunta en Pontevedra inauguraron as obras de humanización, mellora e posta en valor da Avenida de Vigo, zona de especial interese comercial polo importante número de establecementos comerciais alí instalados, cuxa subvención concedida pola Consellería de Industria e Comercio foi tramitada polo Concello de Ponte Caldelas en resposta ás necesidades expostas por este colectivo empresarial.
Finalmente, Perfecto Rodríguez, manifestou o seu desexo de seguir impulsando desde o Concello estas actividades promovidas por COEMPO co fin de axudar na dinamización do comercio local e promover a imaxe de Ponte Caldelas como destino turístico de calidade a través da iniciativa emprendedora deste colectivo.
Así mesmo, manifestou o alcalde, “esperamos poder seguir contribuíndo, desde os orzamentos municipais e a pesar das restricións económicas que padecen as administracións locais, a apoiar aos emprendedores, comerciantes e hostaleiros que co seu labor favorecen non só a creación de postos de traballo senón o dinamismo dos municipios como o noso”.











