O Concello de Ourense elevará a pleno a nova ordenanza de veladores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Comisión de Pleno ordinaria celebrada esta mañá ditaminou favorablemente, cos votos a favor dos grupos municipais do PSOE e BNG, e a abstención do PP e DO, elevando ao Pleno a aprobación inicial da ordenanza de veladores, coa incorporación das enmendas informadas favorablemente polos informes dos arquitectos municipais, a proposta dos grupos políticos do BNG, PP e DO.

Esta ordenanza pretende establecer un marco normativo que permita dar unha resposta o máis adaptada posible ás modalidades de desenvolvemento desta actividade, aos condicionantes e requirimentos actuais, aos aspectos ambientais e de implantación territorial e ao tempo, establecer un criterio de homologación dos elementos constitutivos das terrazas de veladores, coidando os aspectos medio ambientais e os que inciden en evitar molestias aos veciños e veciñas, a mellora estética, de deseño e de calidade das instalacións para contribuír a unha mellor imaxe urbana.

Así, promóvense as condicións necesarias para mellorar e regular as instalacións das terrazas de veladores, existentes nos espazos públicos do Concello de Ourense e adaptalas á realidade actual e compatibilizándoas co uso do devandito espazo pola cidadanía, quedando establecido o réxime xurídico aplicable ás instalacións e funcionamento das terrazas de veladores en vía pública.

Outros acordos

A Comisión de Pleno ditaminou favorablemente, cos votos a favor do PSOE e a abstención dos demáis grupos, elevando a Pleno a aprobación definitiva do Estudo de Detalle de reaxustes e aliñacións e rasantes na rúa da Asunción e comunicar este acordo á Secretaría Xeral de Ordeación do Territorio e Urbanismo, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, notificando este acordo aos interesados.

Así mesmo, no vindeiro Pleno Ordinario do Concello de Ourense, que se celebrará o venres 6 de xuño, debaterase a constitución da Xunta Local de Protección Civil, coma órgano deliberativo e de asesoramento en materia de Protección Civil do Concello e coa composición que propoñen os informes técnicos do departamento de Servizos Xerais.

Na mesma Comisión acordou abrir un prazo de 10 días para a presentación de enmendas á ordenanza reguladora do Servizo de Axuda no Fogar para a posterior aprobación da súa modificación.

30 de maio de 2014 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.