O Concello de Ourense declara o servizo municipal de Turismo área prioritaria
A Xunta de Goberno Local acordou na súa xuntanza desta mañá “declarar como sector prioritario a área de Turismo do Concelllo de Ourense”, o que permitiría a contratación de persoal nesta área, entendida coma unha ferramenta de dinamización da cidade e das súas características.
Segundo os informes elaborados polos técnicos municipais, o Servizo de Turismo do Concello “adolece dunha notable carencia de medios humáns que realicen as funcións propias dun Técnico Auxiliar de Turismo o que se agrava tendo en conta que os meses de verán, son os de máxima afluencia na cidade (nos meses comprendidos entre xuño e setembro)”
Así mesmo se sinala, ao xustificar a declaración desta área como prioritaria, que é a mesma Lei de Turismo de Galicia a que a contempla coma “sector clave da economía galega”. O Concello de Ourense entende que a actividade turística significa para a cidade un elemento imprescindible para a dinamización de todos os axentes económicos e sociais, un instrumento de acción e de desenvolvemento, que aproveita a demanda potencial e a axusta ás capacidades e posibilidades turísticas do Concello, xerando sinerxias entre as iniciativas dos diferentes axentes públicos e privados, xogando un papel esencial coma instrumento vertebrador do territorio e asentando a imaxe da cidade e do seu patrimonio cultural e lingüístico, enogastronómico, tradicional e cultural.
Así a normativa vixente establece a competencia municipal en materia de Turismo, outorgando un papel fundamental aos Concellos para a promoción e protección dos recursos turísticos do termo municipal, tarefa para a cal é necesario reforzar o capital humano, imprescindible para acadar un nivel de calidade e competitividade.
Apróbase o expediente para contratar a explotación do mobiliario urbano do Concello
A Xunta de Goberno Local aprobou, na mesma xuntanza, o expediente para contratar, mediante procedemento aberto, a explotación publicitaria do mobiliario urbano do Concello de Ourense, coa correspondente aprobación do prego de cláusulas administrativas e técnicas.
Segundo os informes técnicos, o estado actual do mobiliario urbano (polo que se entende: marquesinas, mupis, colectores de pilas, papel, vidro, soportes para a información municipal, así como calquera outro de similares características) indica a necesidade de renovar os equipos por outros de maior calidade, máis “modernos e axeitados ás novas necesidades da cidadanía respectando a Lei de accesibilidade e barreiras arquitectónicas”.











