O Concello de Ourense convoca un concurso para adxudicar a prestación do servizo de axuda no fogar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou na súa xuntanza desta mañá o expediente para contratar, mediante procedemento aberto, a prestación do servizo de axuda a domicilio para o próximo ano 2015. O Concello aproba este acordo ante o próximo vencemento, a finais do presente ano, da concesión actualmente vixente deste servizo de benestar social.

O Concello destinará en 2015 unha partida total de 2,9 millóns de euros a este servizo, que prestou atención a máis de 800 persoas maiores na cidade durante o ano 2013.

Con esta licitación, o Concello consolida a súa aposta por este servizo de benestar social, fundamental para as persoas maiores na cidade, e que ven reforzando en recursos económicos e medios durante os últimos anos, o que permitiu multiplicar o seu número de usuarios, ao pasar de 355 en 2007 a 840 en 2013

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas nun prazo de 15 días dende a publicación do anuncio de licitación no Boletín Oficial da Provincia. As ofertas serán valoradas primando a oferta económica (ata 95 puntos) fronte á técnica – programa de traballo (ata 5 puntos).

O servizo de axuda no fogar ten como finalidade prestar un conxunto de atención ás persoas ou familias no seu domiclio, desde unha perspectiva integral e normalizadora, para facilitar o seu desenvolvemento persoal e a permanencia no su contorno habitual, especialmente naquelas situacións en que teñan limitada a súa autonomía ou outras situacións de risco social.

Os obxectivos básicos son mellorar a calidade de vida das persoas usuarias, posibilitar a permanencia no seu contorno de convivencia habitual, favorecer e potenciar a autonomía persoal, potenciar as redes de relación familiar e social, previr situacións de dependencia ou exclusión social e retardar ou evitar a institucionalización.

O servizo presta aos maiores atencións de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria: erguerse ou deitarse, coidado e hixiene persoal, control do réxime alimentario e axuda, se é o caso, para a administración de alimentos, supervisión das rutinas de administración de medicamentos prescritos por facultativos, apoio á mobilización dentro e fóra do fogar, entre outros.

Tamén inclúe atencións de acompañamento persoal na realización doutras actividades da vida diaria, das necesidades de carácter doméstico ou da vivenda, e atencións de carácter psicosocial e educativo enfocadas ao desenrolo das capacidades persoais básicas, a mellora da convivencia, integración na comunidade e mellora da estrutura familiar.

Remate da construción do Centro de Coñecemento La Molinera

Na mesma sesión, a Xunta Local acordou adxudicar á empresa Obras y Servicios Gómez Crespo, S.L. as obras de remate da construción do Centro de Coñecemento La Molinera, por un importe total de 313.310,38 euros, de acordo coa proposta da mesa de contratación do concurso convocado polo Concello para a súa adxudicación.

A construción do Centro de Coñecemento fora adxudicada por concurso a Construcciones Gamallo, por acordo da Xunta de Goberno Local de 8 de novembro de 2011, por 1.098,506,20 euros, cun prazo de execución que remataba o 10 de novembro de 2012. A empresa ofertara unhas melloras valoradas en 121.365,65 euros. Posteriormente, a empresa sufriu dificultades económicas que lle impediron rematar as obras, que abandonou antes de rematar, e entrou en concurso de acredores.

O proxecto adxudicado hoxe inclúe a totalidade das obras pendentes de executar que son precisas para a entrada en funcionamento deste novo equipamento, no contorno do Ben de Interese Cultural das Burgas, chamado a achegar as novas tecnoloxías aos veciños da cidade.

Porá á disposición dos cidadáns un conxunto de espazos orientados á produción, investigación e difusión da cultura dixital e do ámbito de confluencia entre arte, ciencia, tecnoloxía e sociedade. Construído co apoio do Plan Avanza do Ministerio de Industria, contará con servizos como sala de ordenadores de uso social con 36 postos, obradoiros de Impresión 3D, Audio, Electrónica, Vídeo, Área de Co-working, auditorio e laboratorio de Emisión Audiovisual a través de Internet (“streaming”).

Control das augas termais por parte da Universidade de Vigo

Na mesma sesión, a Xunta Local aprobou un acordo coa Universidade de Vigo polo que o Laboratorio de Microbioloxía da Facultade de Ciencias de Ourense prestará o servizo de control de auga de baño e dos mananciais nas áreas termais da cidade, por un importe de 13.536,27 euros.

O servizo establece procedementos de control da calidade da auga de baño, así como o control da estabilidade dos mananciais, co control de auga das áreas termais de Outariz, Burgas de Canedo, Muíño da Veiga, Tinteiro, Chavasqueira, Reza e As Burgas. As análises incluirán a realización de probas mensuais de pozas de baño e fontes, e control dúas veces ao ano dos mananciais.

As análises inclúen os seguintes controis:

Control mensual de pozas e fontes (parámetros microbiolóxicos)

Control periódico de lexionela en pozas e fontes (parámetros microbiolóxicos)

Control completo de mananciais (parámetros microbiolóxicos e físico químicos)

Mensualmente, rematadas as análises das mostras recollidas, o laboratorio de Microbioloxía emitirá os informes de ensaio para cada unha das mostras analizadas. Emitirán, tamén, un informe de avaliación cos resultados obtidos, incluíndo as recomendacións oportunas en cada un dos puntos da mostraxe.

Así mesmo, o contrato inclúe a realización, por parte do Director Técnico do Laboratorio de Microbioloxía da Facultade de Ciencias de Ourense de labores de asesoramento e recomendacións en función dos resultados e das circunstancias que poidan producirse en cada momento.

15 de maio de 2014 | 12:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.