O Concello de Ourense convoca o I Concurso de Pintura Rápida o 31 de maio
A Concellería de Cultura e Laddo animan a participar no I Concurso de Pintura Rápida Cidade de Ourense, que se celebrará o sábado 31 de maio. O lema do concurso é ‘Ourense. Zona vella e o seu ambiente’, sendo libres a técnica e o estilo. O formato será moi similar ao do Maratón de fotografía: os concursantes deberán presentarse na Praza Maior entre as 08.45 e as 09.00 horas para a numeración e o selado dos soportes, os traballos serán realizados in situ e as obras entregaranse de 16.00 a 18.00 horas no lugar da presentación, onde serán expostas ata as 20.00 horas sobre o seu cabalete.
Estas só se poderán asinar despois da cerimonia de entrega de premios. As tres mellores propostas repartiranse 800€, 400€ e 250€ respectivamente, co aliciente doutros tres premios privados máis.
O único requisito para participar é ser maior de idade e formalizar a inscrición -gratuíta- no enderezo electrónico concursopintura@ourensecultura.comou o propio día do concurso, entre as 8.00 e as 08.45 horas, na Praza Maior.
I Maratón de Fotografía Cidade de Ourense
A invasión de fotógrafios que sufriu a cidade esta fin de semana dá boa conta do éxito do I Maratón Fotográfico Cidade de Ourense, un evento organizado pola Concellería de Cultura e a asociación de artistas Laddo no marco das actividades da capitalidade do Eixo Atlántico.
Cunha inscrición final de 182 persoas, unha de cada catro de fóra de Ourense, a actividade suscitou un altísimo interese por parte de propios e alleos. A entrega de premios, na praza de San Martiño, convocou a máis dun cento de persoas nas escaleiras da Catedral, e superáronse as 37.000 visitas na páxina de facebook do evento nunha soa fin de semana.
O xurado, integrado por Eva Torres, directora do Museo Municipal, Armando García, profesor de Fotografía na Escola de Arte Antonio Faílde, e os fotógrafos profesionais Juan Louro e Dinís Porteira, tivo que valorar entre numerosas e interesantes fotografías sobre os catro temas propostos pola organización ao longo da fin de semana: Cidade de Pedra, Cidade Líquida, Xente de Ourense e Luces da Cidade.
Así, o primeiro premio á mellor serie fotográfica recaeu no ourensán Rubén Vilanova, seguido de Agustín Iglesias e de Tania Cuíña. Igualmente, foron premiadas as mellores fotografías individuais e outras olladas particulares sobre cada un dos catro temas.











