O Concello de Ourense colabora nas III Miradas con Orgullo que propón un obradoiro e a proxección dunha película

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Concellería de Igualdade do Concello de Ourense, en colaboración coa asociación sociocultural galega “Xaira”, e o cineclube Padre Feijoo, organizan a terceira edición de Miradas con Orgullo, actividades conmemorativas do Día Internacional do Orgullo LGBT (Lesbiana, Gay, Bisexual e Transexual), o 28 de xuño. Constará dun obradoiro que se celebrará ao longo do mes de xuño no Centro Cívico de Colón, e a proxección dunha película na Biblioteca pública.

O Obradoiro “Transgredindo. Construír e nomear o subxectivo: identidades e sexualidade” é un espazo para a participación, o intercambio e a curiosidade en relación ás identidades e á sexualidade. Unha oportunidade para coñecer a metodoloxía do teatro social no enfrontamento dos conflitos, e na posta en común das inquedanzas. Organizarase os martes e xoves entre o 3 e o 26 de xuño, en horario de 17:30 a 20:30 h, no Centro Cívico de Colón.

Todas as persoas interesadas poden inscribirse de balde, ata o próximo luns, 2 de xuño, ou no correo electrónico xaira@xaira.info.

Proxección da película “Tomboy”

O día 30 de xuño proxectarase na Biblioteca Nodal a película “Tomboy”, desde as 20:30 h. Película francesa dirixida por Céline Sciamma, é un drama que trata sobre a infancia, a adolescencia e a transexualidade. Tras instalarse coa súa familia nun barrio ás aforas de París, Laure, unha nena de dez anos, aproveita o seu aspecto e corte de pelo para facerse pasar por un mozo. No seu papel de Michael, verase inmersa en situacións comprometidas. Por exemplo, Lisa, unha moza do grupo, enamorase dela.

28 de maio de 2014 | 10:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.