O Concello de Ourense activa a tarxeta que permitirá ás persoas desempregadas viaxar gratis en autobus

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+

As persoas desempregadas empadroadas na cidade de Ourense disporán dende xuño da nova Tarxeta Milenio que lles permiriá viaxar gratuitamente no servizo municipal de autobuses do Concello de Ourense. A concelleira de Transportes, Susana Bayo e o técnico desta área municipal, Manuel Díaz, presentaron esta mañá a nova tarxeta, e o procedemento que deberán seguir as persoas interesadas, que deberán estar empadroadas no Concello de Ourense, cunha antigüedade anterior a 6 meses.

Con esta tarxeta, o Concello cumple co acordo plenario aprobado por unanimidade dos grupos políticos municipais a proposta dunha moción presentada polo grupo do BNG.

O procedemento para obter a tarxeta definido pola Concellería de Transportes en colaboración con Novagalicia Banco e Urbanos de Ourense pretende buscar causar as menores incomodidades aos usuarios:

1) Dende hoxe mesmo, de 10:00 a 15:00h poden pedir cita chamando ao teléfono 988 611 611 ou enviando un sms co texto CITA (ESPAZO) DNI (SOMENTES O NÚMERO) ao teléfono 217458

2) Solicitar no Concello o certificado de empadroamento (no Rexistro Xeral, a Oficina municipal da Ponte ou na de Atención ao Cidadán).

3) Acudir o día anterior á cita ás oficinas de emprego (rúa Gómez Franqueira ou Progreso-Xardín do Posío) e solicitar o certificado de estar inscrito como demandante de emprego.

4) Acudir á cita, coa documentación completa: certificados e DNI, ás oficinas situadas nas Burgas, 16, baixo. Esta oficina abrirá de 10:30 a 14:30 horas de luns a venres, a partir do día 4 de xuño. Estará aberta durante un período inicial de 3 meses.

Unha vez realizados estes trámites, a persoa solicitante recibirá a tarxeta no seu domicilio nun prazo de entre 7 e 15 días. As tarxetas terán unha validez de 6 meses.

Novidades nas tarxetas de pensionistas e terceira idade

A concelleira de Transportes tamén presentou o novo perfil das tarxetas milenio para pensionista e terceira idade.

A partir do día 1 de xullo as persoas solicitantes de expedición ou renovación destas tarxetas deberán acreditar que a súa capacidade económica é inferior ao 150% do IPREM (indicador público de renda de efectos múltiples).

Así, deberán presentar por Rexistro unha solicitude que autorice aos técnicos da Concellería de Transportes a comprobar que cumplen este requisito. Co certificado máis o de estar empadroado cunha antigüidade mínima de 6 meses no Concello, copia do DNI, fotografìa e documento que acredite ser maior de 65 anos, para a tarxeta de 3ª idade, e documento expedido pola entidade ou organismo pagador que acredite a condición de pensionista do solicitante, no caso da tarxeta milenio pensionista. Con esta documentación, se dirixirá ás oficinas de Novagalicia Banco para a súa expedición.

Susana Bayo agradeceu a colaboración de todos os grupos políticos municipais, e da Xunta de Galicia para a implantación desta nova tarxeta, así como o traballo dos técnicos da Concellería de Transporte, Urbanos de Ourense e Novagalicia Banco.

A concelleira de Transporte asegurou que Concello e Xunta seguen a traballar no proxecto de transporte metropolitano, co obxectivo de que se poda implantar o ano próximo, e avanzou tamén que o Concello está a preparar un novo prego de condicións para sacar a concurso a concesión de transporte urbano, dado que a actualmente vixente rematará en maio do vindeiro ano 2015.

29 de maio de 2014 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.